Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) acaba de poñer en marcha unha nova campaña de prevención de riscos laborais, nesta ocasión centrada na montaxe e desmontaxe de escenarios para eventos co fin de reducir a sinistralidade no traballo. É unha iniciativa que se inicia agora, xa que nesta época do ano comeza en Galicia a celebración de gran cantidade de eventos, polo que a campaña pretender servir de axuda técnica e control para a mellora na instalación dos escenarios.
A actuación vai dirixida a empresarios, mandos intermedios, traballadoras e traballadores, persoas con responsabilidade en materia preventiva e, en especial, en coordinación de actividades empresariais.
Na montaxe e desmontaxe de escenarios para espectáculos intervén moita normativa diferente, aínda que non existe ningunha específica, polo que con esta actuación da Xunta téntase elaborar unha folla de ruta para aplicar as diferentes normativas.
O Issga, xunto con outros órganos técnicos das comunidades autónomas, participou nun grupo de traballo do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) que acordou a elaboración dun criterio técnico para a xestión de espectáculos públicos temporais a nivel nacional. O máis relevante deste criterio foi a consideración da montaxe e desmontaxe do escenario como unha obra de construción e, polo tanto, a aplicación da correspondente normativa.
A campaña autonómica céntrase nos riscos máis importantes como é a caída de altura e en mellorar a coordinación entre as diferentes empresas que participan no proceso.
En concreto, a iniciativa busca ofrecer asesoramento, información e sensibilización para o sector, así como medidas de control e seguimento, sen prexuízo das competencias inspectoras.
Visitas dos técnicos do Issga
Para iso, persoal técnico do Instituto visitará distintas montaxes e desmontaxes de eventos nas catro provincias galegas para comprobar in situ a aplicación dos criterios técnicos que se deben seguir á hora de levar a cabo esta actividade. Así mesmo, divulgarase e poñerase a disposición das entidades a documentación técnica da campaña elaborada polo Issga. En concreto, deseñáronse unhas follas de prevención en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), así como tres trípticos e tres carteis que recollen información sobre a prevención de riscos laborais na montaxe de escenarios ou bancadas; a coordinación de actividades; e os riscos da exposición ao ruído nos espectáculos.
Entre os aspectos que cómpre destacar no desenvolvemento desta actividade e que se recollen na documentación da campaña destacan, entre outros: a realización, antes de calquera evento, dunha reunión entre todas as empresas que participan na montaxe e desmontaxe para aclarar funcións e responsabilidades; contratar a un coordinador de actividades empresariais; realizar cálculos de estabilidade e resistencia dos escenarios; realizar un plan de montaxe e desmontaxe dos escenarios indicando os accesos aos distintos postos de traballo.
.