O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, subliñou este mércores que “dende que cheguei á Deputación o que sempre tento facer é construír para mellorar a calidade de vida dos veciños. E mentres o PP só desprestixia, non só a miña persoa, que é evidente, senón á propia Deputación e ás persoas que aquí traballan, que nada teñen que ver co ámbito político”. Campos Conde facía referencia así as manifestacións que o PP fixo onte calumniando a persoal do ente provincial e impedindo a aprobación da concesión do centro de recría.
Así o manifestou Campos Conde a preguntas dos xornalistas ao respecto da Xunta Xeral de Suplusa deste pasado martes, onde o Goberno Provincial votou a favor de que “a Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. se dirixa ao Consello de Administración e ao Sr. Presidente da dita Sociedade para iniciar o cambio da Presidencia da Xunta Xeral e do Consello de Administración de Suplusa”. Todos os membros do Executivo Provincial teñen acordado xa dende o pasado mes de febreiro promover cambios no Consello de Administración de Suplusa, polo que apoiaron esta iniciativa.
“Creo que o que lle importa aos veciños hoxe é que o centro de recría non está adxudicado porque o PP se opuxo onte, impedindo que estas instalacións empecen a funcionar en xuño, como estaba previsto; que as residencias seguen á espera dos permisos da Xunta do PP para poder abrir, ao igual que o centro de despece de carne da Fonsagrada. Isto é o importante para os nosos veciños”, asegurou Campos Conde.
O Presidente explicou que “o acontecido onte non ten maior importancia, máis que a que lle quere dar o Partido Popular para meter cizaña e desprestixiarme a min mesmo e ao traballo que facemos dende a Deputación, cunha actitude que vai máis alá, pois desprestixian aos propios traballadores desta casa. Dende que cheguei á Deputación o que sempre tento facer é construír, sacar adiante os proxectos que temos nesta institución, que son os únicos cos que contan os nosos veciños, pois non hai ningún outro por parte da Xunta ou do Goberno Central, onde goberna o Partido Popular, que, nesta provincia, só se ocupa desprestixiar e destruír, entorpecendo todas e cantas iniciativas poden, como fixeron onte mesmo no Pleno co centro de recría”.
Campos Conde asegurou ademáis que non cre que o seu partido chegue a perder a presidencia de Suplusa, pois afirmou que sempre estará en mans do propio Presidente ou de Manuel Martínez, o vicepresidente da Deputación.