O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu este domingo a distinción da Orde Serenísima da Alquitara de Portomarín. O cabildo da Orde decidiu outorgar esta distinción ao titular provincial, tal e como aconteceu co anterior Presidente Provincial e as Vicepresidentas.
Campos Conde leu o manifesto da orde que reza “prometo, diante do Santísimo Cristo de Portomarín, e en presenza do capítulo xeral desta orden serenísima da alquitara, salientar en todo lugar as excelencias das augardentes que producen estas sagradas ribeiras do Miño. Estender a súa fama por España e polo mundo adiante e coidar da súa pureza e orixe para deleite de cantos, no recorrer dos séculos, teñan a oportunidade de catar esta incomparable e aromática augardente de Portomarín”.
XLVII edición
A tradicional Festa da Augardente de Portomarín, que se celebra cada ano no domingo de Pascua, chega xa a súa 57 edición. Tal e como marca a tradición, comezou co acendido das alquitaras na Praza Maior. Xa na tarde, a celebración continuou con diversos actos culturais e folclóricos e co nomeamento dos novos membros da Orde da Alquitara.
A Festa nace nos anos 60 para promocionar este licor das mans da “Serenísima Orde da Alquitara”, respectado e recoñecido non só en Galicia, senón tamén en toda Europa. A celebración é unha homenaxe ós “augardenteiros” que, dende tempo inmemorial destilan este licor de xeito tradicional. A celebración forma parte dunha das celebracións máis importantes deste municipio, e ten como fito anual a cata e o posterior premio á mellor augardente destilada con método tradicional da alquitara.