Campos Conde consigue aprobar a súa proposta de Orzamentos para 2019

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, conseguiu sacar adiante hoxe na sesión plenaria do organismo provincial, o seu proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano. Un proxecto que presentaba a deputada de Economía e Facenda e que conta cun total de 88,4 millóns de euros a repartir, din os socialistas, equitativamente entre todos o concellos da provincia.

A pesar de aprobar este documento, os socialistas contaron só coas facilidades do PP que lles concedeu a abstención a cambio da aprobación das súas emendas; mentres que, tanto o Deputado non Adscrito, Manuel Martínez, como os dous deputados do BNG, votaron en contra dos orzamentos despois de que o goberno provincial rexeitara as emendas presentadas por estes tres deputados.

Este debate fixo coincidir en numerosos puntos á oposición que lamentaba a urxencia que amosaba o goberno de Dario Campos para levar este documento a pleno sen dar tempo aos grupos a valoralo ou, incluso, a ler as emendas dos demáis partidos.

Pola súa banda, e antes de iniciar este debate, o deputado non adscrito pediu, co mesmo argumento que os nacionalistas, que se deixara sobre a mesa este documento para ter máis tempo os grupos de analizalo correctamente. 

Outro dos reproches que se lle botou ao goberno provincial foi a escaseza de novidade nos orzamentos, uns presupostos que, segundo afirmaban Martínez e Candia “recordan case na súa totalidade aos presentados en 2016”.

Emendas

Á proposta de Presuposto de Campos Conde engadíronse dúas das emendas presentadas polos grupos da oposición ao non supoñer modificacións orzamentarias. Trátanse de emendas presentadas e modificadas posteriormente polo PP en base aos criterios establecidos polo Presidente. Consisten en recoller no Orzamento a posibilidade de que os Concellos elixan o modelo de xestión do centro de maiores que constrúe o organismo provincial no seu municipio, e que este se axuste ao marco legal.

As restantes emendas foron rexeitadas polo executivo “ao supor cambios orzamentarios ou ao dotalas con fondos procedentes de remanentes de tesourería de 2018”. Estes non se coñecerán ata que remate o actual exercicio orzamentario, que coma todos os anos acontece en febreiro. Na proposta de Orzamento de Campos Conde, o Presidente xa compromete que cando menos o 70% dos remanentes sexan para o Plan Único co obxectivo de que esta programación conte cun  mínimo de 20 millóns. Todo isto imposibilita a aprobación das emendas referidas a remanentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com