O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á alcadesa de Lugo, Lara Méndez, e a Presidenta da Fundación Puro Cora, Blanca García Montenegro, participaron no acto de entrega dos novos talóns da campaña Os tapóns dan vida e coidan do medio ambiente, unha iniciativa solidaria que recada fondos co obxectivo de axudar a nenos e mozos con dificultades.
Nesta ocasión, recolléronse 49,3 toneladas de tapóns de plástico, que permitirán axudar con 9.807 euros a 28 nenos e mozos da provincia, para afrontar gastos de comedor escolar e doutros materiais básicos.
Campos Conde felicitou á Fundación Puro Cora “por esta iniciativa altruísta, que permite, a través de pequenas axudas, contribuír ao benestar de nenos e nenas, mozos e mozas da nosa provincia que están atravesando por dificultades”. Ademais, felicitou á sociedade lucense pola súa colaboración, xa que nesta campaña de recollida de tapóns, xuntáronse 49,3 toneladas. O Presidente da Deputación lembrou que o organismo provincial colabora coa campaña Os tapóns dan vida e coidan do medio ambiente a través dun convenio coa Fundación Puro Cora, en virtude do cal o Parque Móbil provincial encárgase da retirada dos tapóns depositados na rede de puntos de recollida espallados por toda a provincia, agás na cidade de Lugo.
A asociación Dignidade, o CEIP As Mercedes de Lugo e a asociación Animación Pastoral do Colexio da Milagrosa foron os colectivos encargados de recoller as axudas de 9.807 euros, en representación dos nenos e mozos beneficiados.
Beneficiados
Os talóns por valor de 9.807 euros que se entregaron no día de hoxe contribuirán a axudar a un total de 28 nenos. A Asociación Dignidade foi a encargada de recoller 2 talóns de 2.600 euros cada un, destinados a dous adolescentes que estudian Bacharelato e FP en circunstancias moi adversas e necesitaban apoio para cubrir as súas necesidades básicas. Esta cantidade é o resultado de recoller 26 toneladas de tapóns de plástico.
No caso da ANPA do CEIP As Mercedes de Lugo recibiu un talón de 3.960 euros, que permitiu financiar ao 50% o custe mensual do comedor de 11 nenos de 7 familias durante 9 meses. Foi posible grazas á recollida de 19,8 toneladas de tapóns. E con respecto a Animación Pastoral do Colexio da Milagrosa, recibiu un talón de 647 euros, que se corresponden a 3,23 toneladas de tapóns, para axudar a 3 alumnos de infantil con 153 euros e a outros 12 alumnos de primaria, con 494 euros.
A campaña Os tapóns dan vida e coidan do medio ambiente financia gastos médicos e escolares de nenos e mozos ata 25 anos da provincia, con cargo á recollida de tapóns de plástico. Un comité de expertas formado por 1 médica, 1 psicóloga, 1 farmacéutica e 1 traballadora social encárgase de avaliar as propostas que chegan á Fundación e seleccionar as persoas beneficiarias.