O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, puxo en valor hoxe a colaboración do goberno provincial coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, que superou nos últimos anos os 470.000 euros. Fíxoo nun encontro coa nova directiva nestas instalacións, onde coñeceu de primeira man as necesidades desta infraestrutura. A colaboración do Goberno converte á Deputación na principal administración colaboradora coa Protectora, xunto ao Concello de Lugo; sendo as únicas institucións públicas do país que achegan fondos á protectora.
Campos Conde apuntou que dentro deste orzamento inclúense os 345.000 euros que o Executivo Provincial destina nesta anualidade para ampliar e rehabilitar as instalación existentes, así como garantir manutención dos animais; así como 103.000 euros que se investiron durante os últimos anos cos que se ampliaron en 4 hectáreas das instalacións da protectora, pois antes só dispoñían de 3.000 metros cadrados; para a compra de alimento; así como para roza e desbroce.
O Titular Provincial destacou esta colaboración enmárcase dentro da liña provincial de cooperación cos Concellos, para impulsar a prestación de servizos públicos aos municipios e á propia cidadanía; así como promover o benestar animal. “A diferenza do que fan outras administracións, como a Xunta de Galicia, que transferiu as competencias na recollida e xestión dos animais aos municipios, pero sen dotalos de orzamento, non miramos cara outro lado e decidimos colaborar por tratarse dun servizo imprescindible para os municipios da provincia, así como para os propios animais” apuntou.