O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou hoxe na Pobra do Brollón o proxecto básico elaborado pola institución provincial para a construción neste municipio dunha Residencia para atención a persoas maiores. Coa construción destas novas dotacións, poderase dar unha atención profesional a 30 maiores máis da provincia.
O Goberno provincial fará posible que A Pobra do Brollón dispoña desta importante infraestrutura para a atención das persoas maiores xa que, ademais de asumir a redacción do proxecto, achegará 1.200.000 euros, 600.000 deles este ano e outros 600.000 no 2019, tal e como establece o convenio que asinaron a Deputación e o Concello. Mentres, o Concello deberá poñer a disposición do organismo provincial os terreos que considere para a execución do proxecto, conceder a licenza de obra e colaborar cunha axuda económica de 200.000 euros.
O Presidente destacou que “a construción desta infraestrutura enmárcase no noso obxectivo de ser Deputación unha institución social e rural, que está ao servizo das persoas e traballa para garantir os dereitos e a igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas da provincia”.
Campos Conde lembrou que as novas instalacións sociais que o Goberno da Deputación decidiu levar ao Concello da Pobra do Brollón terán unha superficie construída de case 1.779 metros cadrados. O novo inmoble contará con 2 plantas: o semisoto terá 277 metros cadrados nos que se instalarán un almacén, lavandería, vestiario e locais técnicos e a planta baixa, de 1.531 metros cadrados, na que se situarán a área residencial, a zona de convivencia, o comedor e cociña, a área de atención especializada e os espazos de dirección e administración.
A área residencial, con zona dedicada exclusivamente a dormitorio, ocupa toda a parte frontal do edificio e disporá de 18 cuartos, con baño adaptado. O centro tamén contará con despacho médico, sala de curas, 2 habitacións de enfermería e un baño asistido.