A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, puxo en valor o papel dos concellos para que “a igualdade sexa real e efectiva” e reivindicou así o papel da xestión local para que este dereito “pase da teoría á práctica”. Fíxoo durante a mesa-debate “Avanzando en Igualdade nos concellos galegos”, que foi moderada por ela mesma, e que se incluíu no programa de actos co que o PP de Galicia conmemorou este sábado o Día Internacional da Muller.
Concretamente, Candia subliñou que “igualdade e liberdade son dous dereitos fundamentais, básicos”, ao tempo que sinalou que “o dereito á liberdade debe presupoñer o dereito fundamental á igualdade, á igualdade de xénero, de oportunidades e de trato. Con isto quero destacar que “non podemos falar de igualdade noutro contexto que non sexa a liberdade”.
A presidenta do PP de Lugo, indicou, que “é fundamental arbitrar medidas que garantan a plena incorporación da muller en todos os ámbitos da vida, que acaben coa discriminación salarial, e que fagan efectiva unha verdadeira conciliación da vida persoal, familiar e profesional”. Así, puxo como exemplo as políticas impulsadas en Mondoñedo dende que ela é alcaldesa.
Neste senso, destacou que se están a desenvolver outras medidas “que dan mostra do compromiso temos con este asunto”. Nesta anualidade, a entidade local concederá axudas económicas para fomentar a natalidade. “É dicir, por unha banda, loitamos contra a despoboación, e, pola outra, favorecemos a conciliación”, subliñou.
Tamén se revisarán as ordenanzas que recollen tributos locais para que, “respectando o plan de axuste do concello, se aproben bonificacións para as familias numerosas. Ademais, e grazas á colaboración da Xunta de Galicia, e a través do Centro de Información á Muller, ofrécese asesoramento psicolóxico e xurídico ás mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos seus fillos”. Este sitúase en Mondoñedo, pero tamén abarca e presta servizo aos concellos de “Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto. No centro traballan 3 persoas e todas son mulleres: a directora, unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha axente de igualdade”.
Tamén informou que “Mondoñedo está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, co fin de lograr, sinalou Elena Candia, esa tolerancia cero tan necesaria ao maltrato feminino”.
Acto en Mondoñedo
O presidenta provincial reivindicou que “as mulleres temos que formar parte equitativa de todos os órganos de decisión para que aportemos experiencia, coñecemento e capacidades, porque non somos superiores aos homes, somos iguais”. “Xa o di o artigo 14 da Constitución Española”, puntualizou.
Con este obxectivo de recoñecemento e de agradecemento ao seu labor e esforzo, anunciou que o vindeiro sábado, 11 de marzo, dende o PP de Lugo levarase a cabo un acto en Mondoñedo. Este celebrarase na Casa da Xuventude e contará coa participación de destacadas personalidades vinculadas á xestión das políticas sociais e de igualdade.