Candia garante a continuidade das obras e prazos das residencias proxectadas polo anteior goberno

O Goberno da Deputación de Lugo continuará coas actuacións programadas no proxecto da rede de centros de atención a persoas maiores. A presidenta da institución, Elena Candia, garantiu que se desenvolverán todos os pasos previstos en cada unha das residencias xa que, pese a que este proxecto se programou sen os estudos rigorosos previos, por “responsabilidade continuaremos coa súa tramitación, xa que do contrario perderíase un forte investimento público”.

A presidenta da Deputación fixo estas declaracións durante a visita ás obras que se están a levar a cabo no centro de atención a persoas maiores de Pol. Candia prevé desprazarse a cada unha das residencias que se están a edificar para coñecer de primeira man as actuacións e comprobar que os acometidos se estean a desenvolver coa dilixencia requirida.

“Adoptamos unha decisión froito da sensatez e da seriedade”, matizou a presidenta popular, xa que “non podemos desbotar o diñeiro investido nestas obras” e máis, segundo engade Candia, cando estas actuacións supuxeron tamén “un compromiso económico por parte das administración locais, ao ser as responsables de ceder tanto o solo sobre o que se edificaría a residencia, como un investimento mínimo de 200.000

A presidenta da Deputación quixo deixar claro que o proceder do novo Goberno á hora de proxectar estas actuacións distaría moito do seguido polos socialistas. “Fomos moi críticos na oposición con esta rede de residencias, que naceron sen os estudos rigorosos previos”. Porén, “nos momentos difíciles, que se están a vivir a nivel económico, non podemos paralizar esta planificación despois de gastar nel diñeiro de todos os veciños da provincia”.

A presidenta da Deputación explicou que o proxecto do centro de maiores de Pol conta cunha parte residencial dirixida a persoas válidas, que ofrece aloxamento, manutención, lavandería, limpeza, aseo persoal e cauces de participación, entre outros; e outra de centro de día, destinada a ofrecer unha atención diurna ás necesidades persoais básicas terapéuticas e socioculturais das persoas maiores.

Así, na parte residencial ponse á disposición de persoas maiores válidas 24 habitacións individuais para uso normal (que poden converterse en dobres no caso de residentes do mesmo sexo) e dúas a maiores para persoas que necesiten atención sanitaria (de enfermería), ás que se lle suman outras 14 adicionais destinadas a súa utilización como centro de día. O prezo unitario por mes para os usuarios das prazas residenciais é de 1.100 euros; mentres que as prazas de centro de día supoñen un custo de 600 euros unitario por mes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com