O pleno da Deputación Provincial debaterá mañá, en sesión extraordinaria solicitada polo Partido Popular, a moción presentada polos populares en defensa da industria térmica de Endesa nas Pontes. A proposta de acordo, para a que o PP espera conseguir o apoio dos outros grupos provinciais (PSdeG e BNG), é a seguinte: «O pleno da Deputación Provincial de Lugo amosa todo o seu apoio e solidariedade cos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar, cos transportistas vencellados a ela e co porto de Ferrol, esixindo do Goberno de España a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa».
A presidenta provincial do PP, Elena Candia, di que o máximo responsable da Deputación, José Tomé, viuse na obriga de convocar a sesión plenaria, pois a solicitude formulada polo PP reunía todos os requisitos legais, pero “intentou evitala” mediante unha “manobra de distracción, na que non caeron os populares”, como foi a proposta feita polo PSOE para firmar unha declaración institucional. “Pretenderon librarse do pleno extraordinario, engade, seguramente para evitar o bochorno de votar en contra desta iniciativa como fixeron coa moción en defensa de Alcoa”.
Segundo Candia, o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, “con máis ousadía que respecto institucional, por máis que continuamente intente dar unha imaxe moi institucional”, cualificou no seu día de «espectáculo» a moción presentada polo PP en defensa de As Pontes, que non apoiou o PSOE. O máximo responsable da Deputación “vai a remolque” dos acontecementos; “non foi capaz de asumir no momento preciso a responsabilidade institucional que lle corresponde”.
Os populares afirman que Tomé esqueceu unha regra fundamental que un clásico da teoría política formulou así: «A tardanza róubanos a miúdo a oportunidade e rouba as nosas forzas». Pois José Tomé, di Candia, “reaccionou tarde e mal no caso de Alcoa e vai polo mesmo camiño no caso de As Pontes”.
O Partido Popular solicitou o pleno extraordinario porque a de As Pontes, como a de Alcoa, é “unha situación extraordinaria, que pon en situación perigosa, tanto económica como socialmente, á provincia de Lugo”, especialmente para as comarcas de A Mariña e Terra Chá.
Na moción popular recórdase que, o 27 de setembro, Endesa comunicou a descontinuidade da produción nas súas centrais térmicas, entre elas a de As Pontes. No texto indícase que «esta decisión ten unhas implicacións dramáticas para Galicia, en xeral e para as comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Terra Chá e a Mariña lucense en particular». A moción recolle: «Este peche materializaría a perda de centos de empregos nestes concellos e tería un impacto económico e social con consecuencias dramáticas paras estas comarcas. Non podemos tolerar esta situación nin manternos impasibles ante o desmantelamento dun sector económico que xera moita riqueza e do que viven centos das nosas familias».
No texto queda clara a necesidade de «amosar a unidade de acción que os nosos veciños se merecen para denunciar este novo castigo e esixir inmediatamente solucións que garantan o futuro e os empregos e eviten unha nova reconversión industrial nesta zona». Convén recordar que a central térmica de As Pontes da emprego directo a 700 persoas e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros ao ano.