A voceira do PP de Lugo vén de rexistrar un escrito para solicitar que o presidente provincial convoque “na maior urxencia posible” reunión da Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) para ratificar “de forma definitiva as modificacións dos estatutos, xa aprobadas polo Consello de Administración o pasado 28 de xullo, e que permitirían a xestión das residencias da provincia”.
A popular explicou que “vémonos obrigados a rexistrar este escrito para que se axilice a convocatoria desta reunión ante á deixadez do presidente”. E engadiu que “no Consello de Administración celebrado o día 28 de xullo, pero que xa fora solicitado polo meu grupo en maio, aprobouse esta modificación estatutaria e establecéronse 20 días naturais para a celebración da reunión da Xunta Xeral”. Candia agradeceu o apoio á proposta de modificación dos estatutos do deputado non adscrito e do único deputado do BNG con representatividade no Consello e pediulle ao presidente que “non agote os prazos e non siga dilatando este bloqueo ao que ten sometida a Suplusa e á sociedade”, engadiu.
A voceira avanzou que na modificación dos estatutos, proposta polo PP, inclúense avances tan importantes como a modificación do obxecto social da Sociedade “para que esta sexa recoñecida como prestadora de servizos sociais, tales como a posta en marcha das residencias para a atención de persoas da terceira idade, que coa redacción actual non era legalmente posible”.
A popular lamentou que “a esta institución só lle interesen as residencias cando poden empregalas como arma de batalla contra a Xunta pero non lles preocupan cando teñen que adoptar decisións para poñelas en marcha”. “ “Esta modificación estatutaria proposta polo PP adáptase os estatutos á normativa de servizos sociais e permite que Suplusa xestione as residencias que están xa en marcha como a de Castroverde ou da Fonsagrada, que son as que están máis avanzadas”, engadiu Candia.