A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, ameazou esta mañá con presentar os seus propios orzamentos para a Deputación de Lugo se no pleno do mes de novembro non os presenta o propio goberno provincial. Así o sinalou esta mañá Candia minutos antes de que comezara o pleno provincial no que denunciou que o seu grupo aínda non fora convocado a ningunha xutnanza para falar das contas públicas.
Pola súa banda, o presidente do ente provincial, Darío Campos, acusou a Candia de ter o “éxime presidencialista” e afirmou que a súa proposta é “inviable” posto que aínda non coñecen os fondos que asignará á Deputación o Goberno do Estado.
“Dependemos nun 80% dos orzamentos do estado e estamos esperando a que nos comunique a aportación deste ano”, aclarou Campos. O socialista incidiu ademais que a proposta de Candia “non ten sentido ningún”, xa que a de elaborar os orzamentos “é unha da poucas prerrogativas do presidente”. Campos lembrou ademais que aínda se están executando as partidas do orzamento do ano 2016.