Elena Candia anuncia que nos próximos días activará un punto de asesoramento para as persoas afectadas por okupacións. A popular tamén porá a disposición da cidadanía un díptico con información básica sobre os pasos que hai que dar para recuperar unha propiedade privada na que entraron okupas. A candidata explica que esta proposta “é unha medida inmediata para dar resposta ás numerosas peticións que lle fixeron chegar os veciños da Milagrosa na reunión que tivo lugar o pasado mércores 23 de novembro”.
Esta acción de asesoramento, que se vai centralizar na sede do Partido Popular na rúa Poeta Ramón Cabanillas, forma parte dun paquete de medidas nas que a candidata está a traballar e que pivotan en catro eixes.
Primeiro, Candia afirma que “cando sexa alcaldesa implantará unha delegación da Policía Local no barrio da Milagrosa a modo de extensión
da central de San Fiz co obxectivo de que os axentes gañen terreo en actuacións de proximidade nun barrio onde a poboación incrementouse
nos últimos anos acollendo e facilitando a integración”.
En segundo lugar, a candidata do PP quere impulsar un plan de rehabilitación e recuperación dos inmobles con axudas e bonificacións.
“Este programa repercutirá tamén na mellora dos espazos públicos dotándoos de servizos e de aparcadoiros”
En terceiro lugar, e de forma paralela á rehabilitación, “é fundamental poñer en marcha un plan de dinamización con iniciativas para apoiar aopequeno comercio e establecer liñas de subvención específicas para axudar ao comercio de proximidade”.
A popular sinala que “todas estas accións deben ir da man dun plan de intervención social coordinado dende Servizos Sociais”, nese senso, Candia “promoverá un plan de formación e de inserción laboral específico para o barrio”.