Segundo puido saber este xornal, Candia xa ten apalabrado o que será responsable de urbanismo, se chega a Alcaldía de Lugo, e de seguro que causará sorpresa se finalmente se substancia.
A candidata do PP ten previsto crear un equipo técnico municipal para “asesorar e acompañar aos promotores de calquera proxecto que teña interese en asentarse no municipio de Lugo, xa que os emprendedores precisan de “seguridade xurídica, certezas e a axilidade burocrática para que un territorio resulte atractivo”
Esta nova estrutura de expertos en rehabilitación, xestión de licenzas e resolución de actividades económicas é clave para desbloquear tramitacións e contribuirá á dinamización económica do municipio que reverterá na xeración de emprego
As funcións deste equipo serán, entre outras cuestións, desbloquear as licenzas, o 5% do PXOM, a tramitación dun novo Plan Xeral, a actualización do Pepri, impulsar unha Ordenanza de simplificación administrativa e reactivación económica, ou aplicar as ECCOM (Entidades de Certificación de Conformidade Municipal) para axilizar licenzas e actividades
Baixada de impostos
Tamén anunciou que “dende o Concello estudaremos a creación de axudas para incentivar a contratación, como poderían ser bonificacións de ata o 95 % das taxas municipais para apoiar ao tecido empresarial que cree ou manteña os postos de traballo”, manifestou Elena Candia
Tamén sinalou que rebaixará impostos como o ICIO e o IBI, e suprimirá a plusvalía, e avanzou que se bonificará ou exonerará de impostos municipais ás entidades con proxectos de carácter social
Apoio ao emprendedor e pequeno comercio
Entre as iniciativas para xerar un contexto en Lugo para que os proxectos empresariais poidan medrar, a popular citou “a posta en marcha dun Polo de Emprendemento que funcionará de xeito coordinado cos outros viveiros de empresas”, e tamén “desenvolver plans de formación específicos para a xente moza co que os principais sectores demandan”
Para o pequeno comercio adiantou propostas como a creación de bonos comercio e o desenvolvemento dunha marca de cidade, así como a mellora do aparcamento e a accesibilidade en zonas comerciais; avanzar nos aparcamentos disuasorios; mellores combinacións de autobuses e a posta en marcha dun sistema gratuíto de rotación de vehículos
Melloras en zonas industriais e polígonos
A popular avogou por mellorar a seguridade, o mantemento e os servizos dos polígonos, puntualizando como “unha das prioridades a renovación da rede de abastecemento do polígono do Ceao que segue sen cambiarse pese a que se van cumprir dous anos do fatal incendio”
Tamén asegurou que legalizará outras zonas empresariais como A Louzaneta, A Campiña ou a contorna da estrada de Santiago, para facilitar que nestas construcións se poidan ampliar ou desenvolver outro tipo de actividades, é outra das súas medidas
Infraestruturas
A popular rematou a súa intervención poñendo o foco na necesidade dunhas infraestruturas adecuadas enumerando aquelas que son irrenunciables como o corredor de mercadorías, a restitución das frecuencias de trens suprimidas por mor da pandemia, e que se executen a totalidade das obras anunciadas en 2018 que conectarían Lugo con Ourense
Rueda: “Elena será unha magnífica alcaldesa”
No acto tamén intervíu o presidente da Xunta Galicia Alfonso Rueda quen asegurou que Elena Candia será “unha magnífica alcaldesa” porque “reúne todos os ingredientes do que fai falta en Lugo”, citando nomeadamente “a experiencia, as ganas, a motivación, a enerxía e a habilidade para escoitar”.
“Desde o Goberno galego traballamos e actuamos escoitando a quen coñece o territorio e as necesidades da xente. Neste sentido, Elena Candia ten moito que dicir”, remarcou Alfonso Rueda.