Cando de nada nos sirve rezar

A división de poderes ven funcionando correctamente nas democracias, e lexislativo, executivo e xudicial conviven cos naturais roces polas interferencias, pero en xeral funcionan perfectamente e son eficaz garantía de convivencia.
O mesmo ocorre entre o divino e o humano, que xa Cristo no seu momento deixou moi claro que ao Cesar o cidadán debía darlle o que fose do Cesar, e a Deus o que é de Deus.

En Lugo, non está esto tan claro, e os bombeiros poden botarse a rezar cando as peticións, esixencias ou reclamacións ao concello non funcionan como eles precisan. O concello ten varios frentes abertos, sendo o mais coñecido o da policía, pero resulta que no corpo municipal de bombeiros hai un problema grave co funcionamento e a seguridade do servizo.

Desde fóra, vemos os bombeiros como persoal especializado do concello, en cantidade abonda para cubrir o servizo e, de cando en cando, ir botar unha man nun incendio dalgunha poboación próxima que non disspón deste servizo.

Pois resulta que hai veces que –por falta de cubrir plazas, por baixas ou vacacións- nun turno, hai catro bombeiros. Se hai  unha emerxencia, un ten que quedar no teléfono para servir de enlace e coordinar, outro conduce o camión, e quedan dous para apagar o lume. E se levan a escaleira xigante, un dos bombeiros ten que encargarse da escaleira, e entón queda un bombeiro solo.

Unha situación así, posible en calquera momento, é para botarse a chorar. Ou para botarse a rezar, como fixeron hai uns días os bombeiros dun turno de catro, na capela que teñen dedicada ao seu patrón San Xoan de Deus, pedindo que non lles pase nada. Ou, mellor, que non nos pase nada aos lucenses porque se pasa, eles non son quen de solucionar o problema.

Normalmente, non pasa nada. Pero, e se pasa? E se San Xoan de Deus non está de servizo naquel momento? E se os bombeiros de servizo non chegan para atender un problema grave?

Tal como esta o mundo, Deus e os seus santos teñen bastante traballo no seu. Solucionen, pois, os Césares os problemas terrenais, neste caso o Goberno municipal para o problema dos bombeiros. Este é un caso perfecto para aplicarlle o verso de Machado: “Cando de nada nos sirve rezar”. Pois iso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com