O candidato á alcaldía de Lugo promoveu hoxe un espazo de encontro e de debate con máis de corenta entidades do tecido social de Lugo para intercambiar con elas ideas, propostas e diferentes puntos de vista para mellorar os servizos sociais e a accesibilidade no Concello de Lugo. O acto que estivo moderado por María Teijeiro, Vicesecretaria de Política Social, contou coa participación da conselleira de Política Social, Fabiola García.
O popular cualificou ás persoas que traballan neste eido como “cidadáns todo terreo, persoas valentes e comprometidas” e salientou que os políticos “debemos entender a política como unha actividade cun claro componente social porque está basada na relación de axuda é dicir temos a obriga de mellorar as condicións de vida da cidadanía”.
Entre as propostas do PP, Carballo destacou o Plan de Barrios en Igualdade “a idea é que Lugo sexa accesible en catro ámbitos: os espazos públicos; o transporte; as instalacións e servizos públicos e a información e comunicación” indicou Carballo.
Entre as medidas que se inclúen neste proxecto está a creación de itinerarios accesibles e avanzar na peonalización; autobús urbano gratuíto para maiores de 65, pensionistas e persoas con diversidade funcional; un maior control de prazas aparcamento para persoas con diversidade funcional; revisar a colocación de mobiliario urbano e a instalación de mobiliario accesible; a selección de pavimentos apropiados para facilitar o paso de persoas con dificultades de mobilidade e regular o uso de patinetes eléctricos.
Outra das prioridades do alcaldable popular é a reorganización dos servizos sociais axilizando a atención e reducindo trámites burocráticos para o acceso a servizos e recursos. Carballo afirmou que “non ten sentido que se retrasen meses as axudas que se conceden para pagar material escolar, os retrasos das axudas de aluguer ou chegar ao extremo de expedir cheques sen fondo de axudas de emerxencia social. Tampouco podemos permitir o retraso, de ata case dous meses, para dar cita para entrevistarse cun traballador sociais.
Ramón Carballo tamén se comprometeu a reforzar o tecido asociativo e, nese sentido, é un clamor a necesidade de que se paguen, en tempo e forma, as axudas que solicitan.