O candidato á presidencia da Xunta Directiva Local do Partido Popular, Ramón Carballo, anunciou que “afronta moi ilusionado” o Congreso de mañá, que será clausurado polo presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. E faino, dixo, logo dunha campaña electoral interna exitosa, na que participaron máis de 700 persoas, quedándose “moitos dos locais pequenos”.
Asemade, e dado que hoxe remata tamén o prazo para presentar o aval á súa candidatura, adiantou que, nestes momentos, dispón dunha cantidade que multiplica por catro o número mínimo fixado, e que se cifra en 100.
Neste senso, salientou que foi “unha campaña persoal. Por iso, non lle quixen dar publicidade a todas as reunións que mantiven con afiliados e simpatizantes. Pareceume que o máis acertado era atender a todos. Creo que estas cousas hai que facelas cando a base está creada. Por iso, preferín facer este traballo en silencio”. A este respecto, ademais de agradecer publicamente a asistencia e participación de todos os presentes nestes encontros, recoñeceu que se sentiu moi arroupado ao estar acompañado polos futuros vicepresidente e secretaria xeral Quique Rozas e Mari Teijeiro, respectivamente, ademais de polos concelleiros e o voceiro actual, Jaime Casteiñeira.
Mañá comezará unha nova andaina, na que agarda cumprir o seu principal obxectivo, “que é ser a voz de todas estas persoas que me están dando o seu apoio e confían en min para deseñar un proxecto activo, unido e que permita mellorar e transformar a Lugo, e que o meu Partido siga medrando neste municipio”.
“Temos proxecto, temos mimbres e demostraremos que somos o único Partido que realmente se preocupa por Lugo. Non temos máis obxectivo que este, e estou convencido de que, xunto co meu equipo que completarei mañá, o imos a conseguir”, indicou.