Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, como responsable do Colexio Fingoi, desde 1950 a 1965, período no que aportou a Galicia a parte máis ostensible da súa obra, sendo para a cidade don Ricardo de Fingoi, irradiando desde este senlleiro colexio a súa influencia cultural a Lugo e a toda Galicia.
Este é o aspecto que se puxo de manifesto na gran homenaxe rendida na capital lucense pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, xunto co Colexio Fingoi, en base á exposición e á web confeccionadas polo colectivo Egeria que en Fingoi se presentaron.
A exposición está formada por trece paneis de 2m. por 1m., nos que se reflicten a relación de Carballo con Lugo, o nacemento e evolución do Colexio Fingoi, a personalidade do seu fundador, Antonio Fernández; o labor educativo de Carballo e a promoción dos seus alumnos, e a repercusión exterior desta etapa lucense de Carballo, que supuxo para o profesor e escritor a súa rehabilitación persoal e social, despois dos tempos difíciles da guerra e da posguerra.
Neste tempo lucense fixo a súa tese doutoral, entrou na Real Academia Galega, completou a súa monumental Historia da Literatura Galega, e afirmouse no seu papel de extraordinario investigador e escritor para despois, en Compostela, brillar con todo esplendor.
Recibiu a homenaxe a filla maior de Carballo, Margarita, que pronunciou palabras de agradecemento e relatou lembranzas dos tempos nos que viviu con seus pais no colexio. Un bisneto de Carballo, neto de Margarita, Jacobo Cela, acompañado polo seu profesor, Manuel Fernández Gayol, tocou ao violín un ‘Vals escocés’ en lembranza do seu bisavó.