Representantes das empresas galegas Forestal Peninsular e Tevasa e a escocesa The Edrington Group Limited proxectan fusionarse, o que permitirá a utilización do carballo galego para envellecer o whisky escoces. En concreto, a compañía galega Forestal Peninsular unirase con Tevasa, unha empresa familiar galega provedora de longa traxectoria que fabrica toneles de alta calidade feitos con carballo europeo. Nace así Tevasa Forestal Group, que se asociará co grupo The Edrington Group Limited, empresa internacional de bebidas alcohólicas con sede en Glasgow e produtor de whiskys/whiskies de pura malta como The Macallan, Highland Park, The Glenrothes, Naked Malt e o whisky escocés mesturado The Famous Grouse. A alianza entre o grupo galego e The Edrington Group asegura a subministración sostible de toneles de carballo galego de alta calidade procedente de serradoiros galegos á destilería escocesa The Macallan, ao mesmo tempo que serve de escaparate e mellora á competitividade das empresas da industria forestal galega.
