O alcaldable do PP, Ramón Carballo, que viña presentando nas últimas semanas as principais liñas do seu programa, esta mañá adiantou os nomes de dúas das persoas que o acompañarán nas listas: a número 2, que irá con el da man no Concello, e a número 25, que, aínda con poucas posibilidades de entrar a formar parte do goberno local, continuará ligada a estrutura interna do partido e pechará a lista coa que concorrerán ás eleccións.
Doutora en Medicina de Familia e con varias titulacións en relación á xeriatría, drogodependencia, SIDA e Violencia de Xénero, Maria del Carmen López Silva, será a número dous da formación popular. Carballo destacou dela a “gran capacidade de traballo” e o “sentido do compromiso” que posúe López Silva. Por outra banda, e a falta de coñecer máis nomes, o popular avanzou tamén que a actual edil no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, será a encargada de pechar esta lista despois de que ela mesma solicitara, por temas persoais, non aparecer nos postos de saída.
“Macamen ten a capacidade de traballar en equipo”
A nova incorporación á lista do alcaldable do PP traballa como médica de familia no centro de saúde da Praza do Ferrol e realiza gardas no Punto de Atención Continuada de Lugo. A número dous da candidatura popular participa no Grupo de Violencia de Xénero da Consellería de Sanidade dende o ano 2008 ata a actualidade, e é coautora de diferentes guías de Violencia de Xénero. Carmén López Silva ocupou o posto de directora asistencial da xerencia de atención primaria nos anos 2010-2013.
O candidato do PP asegurou que se trata dunha muller “con capacidade para traballar en equipo, para comprender situacións difíciles, e cun alto sentido do compromiso”. Carmen Silva é unha persoa coñecida pola súa implicación na ONG de Anciáns do mundo da que foi presidenta durante varios anos. Nese senso a nova fichaxe do PP manifestou que “tamén dende o eido local temos que asumir responsabilidade e velar polo benestar dos nosos maiores mediante o fomento de políticas de envellecemento activo e políticas que melloren a súa calidade de vida”.
Carmén López Silva ten un master en xeriatría e outro en drogodependencias e SIDA. Foi tamén coordinadora e impartiu de cursos de formación de Voluntariado Social e de temáticas como Coidando ao coidador, Violencia de Xénero a persoal sanitario e poboación en xeral.