Carlos Lorenzo é un músico intérprete que tocou con numerosas bandas de renome e que, dende hai anos, decidiu ensinar aos máis novos un pouquiño de todo o coñecemento que lle levou a conseguir importantes galardóns dentro da música. Así, propúxose abrir e dirixir a Nova Escola Espazo Cultural (praza Viana do Castelo, 1) que levou á creación das bandas de gaitas Debandoira infantil e xuvenil e, hai uns meses, á ampliación da escola abríndose tamén a novas disciplinas máis aló da musical.
Xornal de Lugo: Músico de renome, con numerosos premios… e deixa a un lado a interpretación para dedicarse á docencia… Este cambio de rumbo tivo algunha motivación?
Carlos Lorenzo: Durante uns anos mantiven unha actividade profesional como intérprete pero a docencia, é unha cousa que me gusta, realmente disfrútoa, sobre todo cos máis novos. Eu, a verdade, tiven moita sorte, porque tiven mestres que deixaron unha pegada moi fonda. Penso que é unha forma de devolver o que eu recibín noutra etapa da miña vida.
E sigo un pouco ligado a ese mundo da interpretación, onde teño moitos amigos que seguen ligados á música dese xeito, como instrumentistas… Á verdade é que eu teño unha sensación grata de que o meu traballo é importante, pero non deixo de colaborar con grupos, como Brath. Non estou tan activo na interpretación como antes, pero entendo que a educación é unha forma de devolver as posibilidades que a min me abriron.
XdL: Tras uns anos de traballo centrado na música e, sobre todo, nos instrumentos que ti máis coñeces como son a gaita e a percusión, decides ampliar a Escola e a oferta… ¿Por qué surxe esta necesidade?
C.L.: A escola amplíase pola necesidade de ofertar máis actividades. Viña funcionando, no local anterior, coas asignaturas e os instrumentos que imparto eu persoalmente. Pero por afinidade, necesidade, por solicitude do alumnado… Foi tamén un pouco ofertar outras asignaturas, outros instrumentos e xa de paso que as instalacións o permiten, ofertar outro tipo de actividades que completen o tempo de lecer e actividades extraescolares dos nenos.
Era unha demanda que había por parte dos pais, que houbera máis actividades, que non tiveran que desprazarse… É un pouco comodidade e servizo ao cliente; este é un ambiente moi familiar e trátase de mellorar e ampliar os servizos. Ampliouse a oferta instrumental e tamén as actividades. É, un pouco, completar o tempo de lecer dos máis novos; aínda que cada vez hai máis adultos.
XdL: Que se pode aprender na Escola? Todo empezou coa música folk, pero agora estase abrindo o abano…
C.L.: Si, inicialmente, cando eu vin a Lugo, vin montar un obradoiro de gaitas. Que hoxe se mantén para un par de clientes moi persoais, o alumnado e para restaurar e dar un soporte técnico á banda de gaitas Debandoira.
En canto as actividades, empezouse por gaita e percusión, das que xurdiron as bandas de gaitas infantil e xuvenil, empezaron os instrumentos como guitarra… E grazas aos compañeiros, neste momento, temos frauta traveseira, violín, piano, batería, canto… Un pouco para non centrarnos exclusivamente no ambiente folk, na cultura tradicional; ampliamos ás músicas contemporáneas, actuais. Non é unha escola especializada nunha formación clásica, máis en música popular, moderna… Un pouco estamos á expectativa, a ver que máis podemos programar para o vindeiro curso, estudando posibilidades.
Ademáis da música, na Escola hai unha área de expresión corporal: psicomotricidade, teatro, baile tradicional, baile moderno…, hai unha área de expresión artística: manualidades, debuxo, maxia… E hai unha área de lingua na que ofertamos inglés para menores de 12 anos cun sistema pedagóxico exclusivo, Be Bilingual; que funciona dunha forma oral e defire do sentido das clases que se viñan facendo ata agora. Despois temos inglés para adultos, con nativos; e alemán, que empeza a funcionar.
Que o alumno poida realizar diferentes actividades no centro, por comodidade para os pais e porque a nós nos abre un abano de posibilidades para realizar outro tipo de actividades complementarias máis versátiles.
XdL: O enfoque destas escolas soe estar dedicado aos nenos. A que idade é bo empezar coa música?
C.L.: Temos psicomotricidade, dende os 3 anos ao igual que premúsica e música en movemento. No caso de música temos prazas moi limitadas, porque son idades que necesitan unha atención moi determinada, entón hai uns grupos exclusivos e organizados por idades.
No caso dos adultos, na outra escola xurdiron as súas clases por familiares, pais de alumnos que querían iniciarse na música e cada vez vemos que hai unha demanda maior. O tempo libre dos adultos tamén pode ser un tempo de calidade. Agora mesmo, gaita, percusión e guitarra funcionan ben e vaise iniciar un grupo de inglés para adultos. Entón, non hai unha franxa de idade determinada, o que si o horario condiciona a programación. Ás mañás e ás últimas horas da tarde temos máis adultos pero sempre seguimos a necesidade do alumno.
XdL: No mundo dixital no que vivimos actualmente, é difícil que un neno decida prácticar unha actividade extraescolar tan antiga no tempo. Como alonxamos aos nenos da tecnoloxía para que socialicen entre eles e participen activamente do lecer cultural?
C.L.: A tecnoloxía depende de como se empregue. Unha actividade de lecer pode estar relacionada coa tecnoloxía, mesmo aquí temos informática musical, os nenos, hoxe, son dunha era absolutamente dixital, teñen un abano de posibilidades tremendo.
A tecnoloxía forma parte tamén do espírito da escola, empréganse as novas tecnoloxías aplicadas á docencia, todas as aulas contan con equipo multimedia, no eido da gaita, temos controladores midi para os alumnos… A tecnoloxía está aí e non podemos esquecela, pero o máis significativo da escola é a socialización: a banda de gaitas, é o expoñente deste traballo en equipo e, por ende, das clases.
Pero si é certo que é complicado, no mundo dixital, que se opte por unha formación cultural e artística, entre a tecnoloxía e o deporte, que ten un compoñente e un peso na sociedade enorme. É pasar dunha actividade dixital a unha analóxica. A valoración da educación musical avanzou moito, mellora a coordinación, a atención, a capacidade de estudo… é complexo porque hai un sobre estímulo, pero a tecnoloxía está aí e hai que compaxinar.
XdL: E como reacciona un neno cando descobre que realmente é capaz de tocar unha peza?
C.L.: Máis que o feito de que tanta tecnoloxía sexa un inconvinte, o maior problema que atopamos é que hoxe hai unha cultura de todo rápido…A xente quere aprender un idioma en tres meses, adelgazar en quince días… e eso estrapólase a outras actividades. Os nenos veñen cunhas ideas e unhas pretensións de tocar e aprender un instrumento nun tempo curto. É quizás o máis complexo á hora de programar as clase, que o alumno vexa que leva tempo, traballo, disciplina e sacrificio. A música é moi divertida, pero ten uns pasos preliminares que costan un traballo…
Pero, si que é certo, que unha vez que superan certos escalóns, notas que os rapaces son moito máis receptivos, incrementan o traballo…. A min resúltame moi satisfactorio e a eles eu creo que tamén: que xa poden tocar unha canción, que xa poden practicar en conxunto; sobre todo, na banda de gaitas a sensación é moi boa. Todo leva un tempo, o mellor é ir despaciño e con boa letra.
XdL: Coñecemos o teu perfil: premios internacionais, profesor en diversas escolas, como son os perfiles dos outros profesores?
C.L.: Coñecemonos todos, e se a algún non o coñecíamos antes, era amigo dalgún compañeiro. As directrices da escola está organizadas en función do que xa había antes. Prima a forma de traballar en grupo, nós como escola ocupámonos do primeiro escalón: da formación máis elemental da música, é a idea de traballar dende o principio, nos primeiros pasos musicais dos rapaces, si que temos uns criterios bastante comúns en calquera profesor que poda traballar coa liberdade coa que traballamos nós: que os nenos estean cómodos, que aprendan…Pero máis ou menos traballamos todos na mesma liña, depende das necesidades de cada alumno.