A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada do Director da Escola Municipal de Música, Carlos Méndez, deu a coñecer este venres a nova programación do Ciclo de Concertos Didácticos, que arrincará o vindeiro martes, 4 de abril, e que se desenvolverá ata o xoves, 15 de xuño, nun total de 24 centros educativos lucenses e no Hospital de Calde.
Nesta edición presentarase un espectáculo musical onde o fío conductor será a maxia, que leva por nome Fantasía. Para elo contarase coa participación do Mago David Méndez, que deleitará cos seus trucos a públicos de todas as idades.
No acto de presentación, Carmen Basadre valorou a música como “elemento fundamental para a aprendizaxe dos máis cativos”, posto que impulsa o desenvolvemento das súas habilidades. Ademais, tamén lembrou o éxito acadado por esta programación nos catro anteriores.
Pola súa banda, Méndez agradeceu o apoio do Goberno por “seguir apostanto por este ciclo e para que a Escola Municipal de Música siga sendo 100% pública”. Ademais, avanzou que nas súas visitas aos centros educativos repartirán folletos con información para que o alumnado podan matricularse na escola. O prazo será do 19 de abril ao 19 de maio para os que decidan continuar os seus estudos facendo a rematrícula, e do 22 de maio ao 28 de xuño, para os de nova inscrición.
Como broche de ouro a este ciclo, o vindeiro 15 de xuño, ás 19:00 horas, terá lugar, no Auditorio Municipal Gustavo Freire un concerto extraordinario do alumnado e familias da Escola Municipal de Música de Lugo. A entrada será gratuíta. Tamén se ofertan 2 concertos extraordinarios os días 14 e 15 de xuño, con horario de mañá, no Auditorio Municipal para os centros educativos da cidade que non teñen un espazo para acoller a agrupación no seu centro e para todos os centros de infantil e primaria da provincia de Lugo que consideren desprazarse a Lugo para gozar do evento.