O voceiro do PP na Deputación, Javier Castiñeira, vén de denunciar nos medios un “caso claro de sectarismo” por parte do presidente do Executivo Provincial, José Tomé, que, na opinión dos populares, “a medida que transcorre o mandato está máis claro que goberna en función das cores políticas, apoiando aos seus e castigando inxusta e inmerecidamente aos outros”.
Así o reflexionou o popular logo da negativa a executar a construción do polígono industrial de Riotorto, unha obra para a que, no seu día, o Concello asinou un acordo con Suplusa. Castiñeira reuniuse hoxe co alcalde da localidade, Clemente Iglesias, para acusar a Tomé de marxinar aos concellos gobernados polo PP.
Castiñeira di que a “elaboración dos orzamentos da Deputación para o 2022 sería unha oportunidade fabulosa para que a Deputación programase ese investimento; así o esperan os veciños de Riotorto, pero, segundo as comunicacións que está a facer a Deputación, esa non é a súa vontade”.
Por elo, dende Riotorto os populares denuncian “esa actitude do goberno provincial, que unicamente obedece a criterios políticos e non a criterios de necesidade”.
Usar os cartos do Plan Único
Pola súa parte, o alcalde, Clemente Iglesias, denuncia a carta recibida do presidente da Deputación con respecto ao polígono industrial proxectado, porque nela “di que para o polígono debemos utilizar os cartos do Plan Único”. Engade: “Teño que dicir que o Plan Único está destinado a outros fins e que nos sentimos totalmente discriminados, pola cor política coa que gobernamos, neste caso o PP, que está na alcaldía; por iso o sectarismo da Deputación Provincial de Lugo cos veciños de Riotorto”.
O alcalde tamén dixo: “Tanto os veciños como as empresas locais serán as grandes prexudicadas pola decisión que nos transmite o presidente da Deputación na carta que recibimos. O goberno provincial non ten vontade política para executar o polígono industrial de Riotorto, a pesar de ter todos os permisos e autorizacións; só falta sacalo a licitación”. Insiste en que “é un proxecto moi importante para o futuro de Riotorto”.
Nov 12, 2021 - 10:18 PM
Carallo!!!! Estes non se estarán equivocando de Administración? Non será a Xunta á que teñen que denunciar?
Nov 12, 2021 - 11:32 PM
Non Chema, os terreos comprounos Suplusa (100% Deputación) para facer un polígono. Ao disolver suplusa as propiedades mais 4 millóns de € quedaron na deputación para ese menester. Urbanizar o poligono d Riotorto a penas supera os 500.000 € e existe un convenio entre Suplusa e o concello para facelo pero o goberno provincial non quere executalo.
Para opinar é bo saber de que se fala
Nov 12, 2021 - 11:35 PM
Javier Jorge Castiñeira xa, pero me gustaría que forades tm así de críticos ca Xunta , e sabes ben de qué falo…
Nov 12, 2021 - 11:36 PM
Chema eu son Deputado provincial