O voceiro do Grupo Municipal Popular, Jaime Castiñeira alertou hoxe de que unha prórroga dos orzamentos de 2015 “bloquearía os capítulos de investimentos reais”, o cal impediría levar a cabo obras de importancia para a cidade.
Castiñeira fixo estas declaracións tendo en conta que faltan 15 días para que remate o ano “e non hai nin sequera o mínimo, unha proposta de liñas mestras”, o cal fai sospeitar aos populares sobre a posibilidade de que o goberno vaia prorrogar o orzamento actual. Outra das opción que baralla a formación é que os orzamentos de 2016 sigan “o mesmo camiño que as ordenanzas fiscais para este ano: aprobados en xunta de goberno e nun pleno extraordinario e fóra da orde do día”.
En calquera caso, o voceiro denuncia que esta é a primeira vez que a dúas semanas do remate do exercicio “non se falou dos orzamentos nin se presentaron aos grupos políticos”. Aínda así os populares aseguran que pola súa banda si teñen unha serie de propostas, como a creación dunha liña de axudas de seis millóns de euros anuais para o impulso á creación de novas empresas, novos empregos e o fomento da rehabilitación.
Ante esta situación, o popular prognosticou “anos grises para Lugo” da man da nova alcaldesa, posto que “pouco se pode esperar de quen xa no seu primeiro ano de mandato se pecha a escoitar propostas da oposición e non dialoga absolutamente nada co partido maioritario da corporación”.
Precisamente hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en declaración aos medios aseguraba que o grupo de goberno se atopa ultimando os orzamentos que, asegura, non poderán debater no pleno ordinario do próximo luns pero “tentaremos levalo a pleno extraordinario monográfico este mes”. En canto ás grandes cifras, Méndez avanzou que se prevé “una redución no montante total aínda que en liñas xerais moverase nas mesmas magnitudes”.