Castiñeira: “É moi grave que o presidente da Deputación non fixera apear a Casa da Botica de Guitiriz”

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, despois de ver o expediente da Casa da Botica de Guitiriz, di que “é moi grave que o goberno provincial, sinaladamente o presidente, coñecendo a necesidade, comunicada polos técnicos en marzo de 2020, de apear o edificio non fixera que, realmente, o apeo se levara a cabo; como consecuencia o edificio acabou no chan”. Os populares consideran que o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, ten unha grave responsabilidade neste asunto, que pode chegar a ter derivacións máis aló do campo político, dado que o edificio estaba protexido e tiña algúns elementos catalogados. No PP indican que pedirán á Consellería de Cultura que estude o incumprimento da obriga da Deputación de conservar a fachada do edificio e consideran que a Inspección de Traballo debe valorar se houbo risco para os operarios derivado de non apuntalar o inmoble.

Na acta de replanteo e inicio de obra da Casa da Botica de Guitiriz, do 9 de marzo de 2020, segundo explica Castiñeira despois de ver o expediente deste proxecto, “xa se constata pola dirección facultativa, á vista do mal estado da estrutura do edificio, a necesidade de instalar de inmediato apeos e reforzos antes do inicio e calquera traballo”.

Para os populares, está claro que o presidente, José Tomé, coñecía esta indicación dos técnicos, porque “serviu para que o goberno ampliara o prazo de execución da obra”. A este respecto, Castiñeira sinala que “parece que o goberno provincial se preocupou máis de aspectos relacionados coa empresa que co propio mantemento do edificio, protexido”.

O portavoz popular tamén di: “A Casa da Botica estivo un ano sen apear. Polo tanto non se pode botar a culpa de que acabara no chan a choiva que caeu pouco antes, como dixo no seu momento o deputado socialista Pablo Rivera”. Castiñeira sinala: “No PP temos a seguridade de que se estivesen colocados os apeos no momento en que o indicaron os técnicos moi probablemente a Casa da Botica de Guitiriz seguiría en pé”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com