O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá que iniciará unha rolda de contactos para formar goberno.
Castiñeira explica que durante a xornada de onte falou cos líderes dos partidos que obtiveron representación no Concello de Lugo, para trasladarlles o seu “compromiso e disposición” de conformar un “goberno estable” para Lugo, “cumprindo o mandato dos lucenses como forza política claramente máis votada”.
Nese senso, o candidato popular anuncia que ten previsto establecer un calendario de xuntanzas con estes representantes políticos “cun único obxectivo: que Lugo poida avanzar e que os lucenses melloren a súa calidade de vida”. Para iso, “a única premisa que aplicaremos neste período de negociacións será Lugo e o seu futuro, analizando os diferentes programas electorais”, que son “moi coincidentes nalgúns puntos clave”.
Nesa liña, Jaime Castiñeira expuxo a súa “absoluta predisposición” a estudar, punto por punto, “os diferentes compromisos de todas as candidaturas para ver as similitudes programáticas, que non son poucas. Estamos nun escenario novo, moi plural e onde volveremos poñer de manifesto a nosa capacidade de diálogo, acreditada ao longo destes anos en distintos acordos municipais relevantes para a cidade”, asegurou o candidato popular.