O Grupo Provincial Popular denunciou esta mañá como a “falta de atención” na delegación de Vías e Obras da Deputación de Lugo mantén as vías provinciais, nas súas verbas, “en total estado de abandono”. Así, o voceiro da agrupación provincial, Javier Castiñeira, achacaba hoxe este “desleixo” a que o titular da área sexa o propio presidente do executivo e alcalde de Monforte, José Tomé, polo que considera necesario cambiar canto antes ao delegado de vías e obras.
“O PP pide ao presidente José Tomé que destitúa ao delegado de Vías e Obras, José Tomé, e o substitúa por un que si se dedique as estradas e que non vaia só a cortar as cintas con traxe e garabata; necesitamos urxentemente un delegado que patee a provincia coas botas de traballo,
para recuperar a normalidade nas estradas lucenses”, reclamou o popular.
Segundo os populares o problema é que son “demasiadas” as responsabilidades atribuidas ao presidente da Deputación “para unha soa persoa”. ” Cando un alcalde ten un problema nunha estrada provincial, resúltalle absolutamente imposible falar co responsable político da área, con José Tomé, e remíteno á oficina técnica, que, evidentemente, ten moi pouca capacidade executiva para avanzar na solución. O delegado, o señor Tomé, ou está en Monforte, exercendo de alcalde, ou está en Presidencia”.