Cataluña berra, Euskadi susurra, e Galicia cala

Os gobernantes de Cataluña levan tempo intentando romper as regras de xogo e o xogo mesmo e conseguir polas bravas o que unha parte dos habitantes daquelas terras tentaron conseguir polas boas, sen éxito polo de agora.

Hai unha novela de Lois Dieguez, Galou Z 28, que especula sobre unha Galicia que se separa do resto da Península, para vivir unha vida nova pola súa conta. E xa é un clásico  “La balsa de piedra” de Saramago, que fabula con que se abren os Pirineos, e España e Portugal se separan do resto de Europa para viaxar libres polo Océano Atlántico. Non sei se na literatura catalana teñen –seguro que si- a narración dalgunha epopea que os permita separarse fisicamente de España de cara ao Mediterráneo, porque pasar por Xibraltar cara ao exterior sería ben difícil.

O goberno español non deixan de proclamar que todo está atado e ben atado, que coa lei todo e sen a lei nada, pero os desafíos prodúcense cada día, sen que pareza haber puntos de coincidencia, aínda que conversas parece que houbo e haberá.

Aínda que en tempos de conflito non conveña facer mudanzas, os gobernantes cataláns demostran ter presa na súa fuxida, en tanto que similares forzas doutros lugares con tanto dereito autonomista – independentista?-,  gardan silencio.

Cataluña berra, Euskadi susurra, e Galicia cala… As forzas nacionalistas non falan deste tema, e non parecen ter demasiado interese en deixar clara a súa postura independentista… por non ser o momento, ou por saber que as mensaxes deste tipo non teñen moitos seguidores no noso pobo.

E pensar que sempre coidamos que os cataláns –os tópicos son así- adoraban “á pela” por encima de calquera outro valor… Que ao mellor seguen sendo igual de prácticos, e poñendo  euros enriba da mesa de negociacións cálmanse os ánimos. Que, neste caso, xa non se trata dun tres ou catro por cento, como recentemente alguén confesou, senón que, xa que España os rouba, queren conseguir cen anos de perdón esquilmando a quen con eles, seica, como ladrón se porta.

O tema é tan recorrente, tan cansino, que se se fixese un referendum nacional sobre a separación dos cataláns, ao mellor conseguían a independencia só por perdelos de vista.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com