A película de Neus Ballús foi unha das grandes sorpresas do ano tras o seu paso triunfal polo festival de Locarno e San Sebastián.
Un filme pequeno e sorprendente deixou atónito ao público do pasado festival de Locarno. Coñecido por ser un dos festivais máis esixentes e exclusivos do mundo, onde premiaron a Pedro Costa, Hong Sangsoo, Lav Díaz ou Albert Serra, o filme de Neus Ballús encantou aos espectadores coa súa sinxela e efectiva proposta. As vivencias de tres obreiros que traballan nun negocio de fontanería nas aforas de Barcelona. A través deles descubrimos o mundo: as loitas de Moha, un inmigrante que trata de sobrevivir no ambiente hostil dos traballadores precarios, pero tamén aguantando grazas a humanidade e solidariedade que pode aparecer, sorprendentemente, en calquera lugar.
O estilo de Ballús e directo e por momentos case parece un documental. O retrato da vida cotiá é conmovedor. As dificultades da precariedade económica e laboral, as pequenas renuncias que teñen que facer os protagonistas nunha cidade tan abafante como Barcelona. Mais en lugar de ser un drama escuro e negativo, hai espazo para a luminosidade, a xenerosidade e a esperanza no futuro. É nese punto onde a película de Neus Ballús se diferencia doutras crónicas sociais. Celebrada como un dos acontecementos do cine catalán e español deste ano, chega por fin a Codex Cinema este venres.
A segunda estrea desta semana é Black Box, un tenso thriller francés sobre un estraño accidente de avión, sen causa aparente e no que o protagonista debe investigar a caixa negra do vehículo sinistrado para resolver un misterio que terá máis implicacións, tanto persoais como políticas, do que podía chegar a imaxinar. Na mellor tradición do thriller francés, a película foi un éxito nas billeteiras do país galo, con máis de oito millón de euros de recadación e agarda continuar o seu paso triunfal polas carteleiras galegas.