queixo do cebreiro queixo do cebreiro

Catro citas de lecer nesta ponte da Semana Santa

As festas do Queixo do Cebreiro, Augardente de Portomarín, a Feira Medieval de Monforte e a Procesión do Santo Enterro de Viveiro son algunas das actividades de lecer para esta ponte de Semana Santa. A Deputación de Lugo achegou durante o último ano 64.000 euros para o desenvolvemento destas 4 citas, dentro da súa aposta por potenciar a vida nas vilas e dinamizar a economía da provincia.

3.000 quilos de Queixo do Cebreiro

Mañá venres, 30 de marzo, terá lugar a XXXI Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Feira de Interese Turístico Galego, en Pedrafita do Cebreiro. No evento participarán as Queixerías acollidas ao Consello Regulador, estas son: Castelo de Brañas, Queixo Santo André, Marqués de Cernadas, Gran Despensa Abadía de Samos e Queixo Fonchave poñendo á venda uns 3.000 queixos. O prezo destes varía en función do peso, dende os 300 gramos ata o quilogramo. En total, haberá uns 160 stands, nos que tamén se poderán adquirir outros produtos tradicionais e elaborados de maneira artesanal. Como novidade este ano, tamén se poñerá á venda queixo curado e haberá un stand de produtos de porco celta.

Procesión do Santo Enterro

Tamén o venres, 30 de marzo, da Igrexa parroquial de Santa María do Campo, no Concello de Viveiro; sairá a procesión do Santo Enterro da confraría do Santísimo Rosario. A Deputación de Lugo colaborou co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías para que a Semana Santa viveirense, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, recibise esta distinción a nivel internacional no 2013. Neste senso, cómpre subliñar que a Semana Santa move, de media, a unhas 30.000 persoas, coa consecuente repercusión económica que isto supón, acadando unha ocupación hoteleira no municipio do 100%.

Demostracións e obradoiros na Feira Medieval

Os días 31 de marzo e 1 de abril, terá lugar a XVI edición da Feira Medieval de Monforte de Lemos. Este ano amplíase a cantidade de tendas e actividades do Campamento Medieval, organizadas pola Asociación de Recreación Histórica Knights of Ulver, coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos. Neste campamento, os visitantes á feira atoparán exposición de armas, panoramas militares, cascos, roupa civil e utensilios medievais. Ademais, neste campamento desenvolveranse demostracións e obradoiros para todos os públicos. A XVI Feira Medieval contará con máis de 100 postos de artesanía e produtos autóctonos, como chourizos, queixos, empanadas, etc.

Concurso de augardentes

O domingo día 1, o Concello de Portomarín acolle a XLVIII Festa da Augardente, coincidindo co Domingo de Resurrección. Os numerosos visitantes poderán degustar esta bebida tradicional de Portomarín, destilada e preparada de diferentes modos. Durante a xornada tamén se celebrará a VIII edición da anguía e a IV Carreira Popular e contará con actuacións musicais e concursos de augardentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com