Unha colisión entre dous vehículos rexistrada esta tarde na A-8, á altura do concello de Mondoñedo, deixa catro persoas feridas. Todas elas foron evacuadas a un centro hospitalario.
O accidente produciuse no quilómetro 538 da autovía, en sentido Lugo. Segundo se lle indicou ao 112, un dos vehículos implicados no sinistro envorcou. Varias persoas particulares alertaron dos feitos ao 112 Galicia. A primeira delas contactou coa central de emerxencias ás 17:30 horas desta tarde.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Barreiros, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.
Nestes intres permanecen cortados os dous carrís da autovía en sentido Lugo. O tráfico está sendo desviado por unha saída próxima, permitindo que os vehículos se reincorporen á A-8 un quilómetro máis adiante.