CC.OO. denuncia o descontento do persoal da empresa de augas Gestagua, que se fai cargo da depuradora de augas residuais do concello de Lugo, e da situación de bloqueo da negociación colectiva por mor da situación da empresa. “A empresa alega na negociación do convenio colectivo, que leva 6 anos sen concesión por parte do concello, e que non sabe cales serán as condicións unha vez que saía a concesión, polo que utiliza este argumento para facer unha oferta “ridicula” aos traballadores.
Escúdase por tanto a empresa na situación de ausencia de concesión para facer unha negociación real.
Por outra banda, CCOO critica a “actitude do Concello de Lugo, que leva seis anos sen sacar unha nova concesión para a depuradora, unha actitude de desleixo nun servizo tan importante para os cidadáns como é o servizo de augas”.
Dende CC.OO. esixen ao concello, “unha solución a este problema. Mentres, Gestagua presta o servizo a través de facturación ao Concello, o que é un sistema moi cómodo tanto para o concello como para a empresa e, por tanto, ningunha das partes se da presa por cambiar a situación”.
Para CC.OO. isto representa “unha falta de transparencia no uso dos fondos públicos, O convenio da empresa está caducado desde o ano 2015, en situación de prórroga, pero non é esta unha situación sostible, e non é sostible tampouco a situación de que a non concesión serva como escusa para non ter negociación ou facer ofertas de todo punto inxustas e insuficientes”, rematan.