A sección sindical de CCOO-Sanidade no hospital privado Polusa (Lugo) ven de emitir un comunicado onde acusa a dirección de “enganar cos casos de COVID-19 detectados na Unidade do Maior. Mentres que o centro atribúe os contaxios a unha traballadora que se atopa de baixa desde finais de agosto, Comisións denuncia que non se illou debidamente ás persoas contaxiadas”.
Segundo a sección sindical de CCOO, “a traballadora deu positivo o día 25 de agosto, día no que xa non foi traballar e está de baixa médica desde entón. O comité de seguridade e saúde soubo do positivo o día 26 a través de compañeiros e compañeiras da afectada, non pola dirección do centro”.
Solicitada a información, “o director médico de Polusa comunica mediante correo electrónico o referido positivo e que se realizaron PCR ás persoas residentes na Unidade do Maior, así como aos contactos da traballadora entre o persoal hospitalario”. O resultado das probas “foi de tres positivos, todos na Unidade do Maior e ningún entre o persoal”. Con estes datos, o comité de seguridade e saúde instou “a illar os doentes noutra planta do hospital e que fosen tratados por persoal exclusivo, xa que constituiría un risco que os profesionais que atendesen estes casos se desprazasen polo centro ás habitacións doutras persoas residentes”.
Segundo CCOO a dirección de Polusa, “non atendeu esta petición e, a día 4 de setembro, xa había oito positivos, que ascenderían a dez un día despois. Novamente, o comité de seguridade e saúde soubo destes casos a través de compañeiros e compañeiras do hospital, non por parte da dirección do centro”.
O pasado venres, o comité de seguridade e saúde volveu esixir un illamento axeitado dos casos positivos e a cargo de persoal exclusivo, sen contacto con ningún outro residente ou doente. Nestas circunstancias, CCOO coida «inaceptable» que se pretenda acusar dos contaxios a unha traballadora que xa levaba semana e media de baixa médica. Segundo a información de que dispón CCOO, “a día de hoxe hai outros dous casos positivos de COVID-19 entre o persoal de Polusa, traballadores que pagaron do seu peto as probas PCR, xa que non foron considerados persoal de risco por parte da dirección”.