CCOO denuncia a deficiente asistencia sanitaria desde que Ribera Salud se fixo cargo do Polusa

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a “deficiente asistencia sanitaria” desde que o grupo Ribera Salud asumiu o control do Hospital Polusa de Lugo. Coa chegada da actual Xerencia, “comprobamos que o seu principal obxectivo era desfacerse do persoal de enfermaría”. Malia as advertencias sindicais, reduciu este colectivo en máis da metade. Como consecuencia, estase a deteriorar a calidade asistencial das persoas usuarias, ao tempo que se sobrecarga de traballo o resto do persoal.

Para reducir o número de enfermeiros e de enfermeiras, Polusa utilizou diferentes “prácticas de presión” que provocaron a marcha de persoal indefinido, así como que profesionais contratados non quixesen renovar o seu vínculo laboral co hospital.

“A prioridade de Ribera Salud é ter un rexistro detallado das xeringas, agullas ou gasas que utilizamos, antepoñendo  esta parte administrativa á atención dos doentes”, lamenta CCOO, que apunta a que unha única enfermeira en planta —ás veces atendendo a vinte pacientes— non dea abasto. “Deste xeito, as medicacións danse a deshoras, as curas fanse cando se pode e os doentes teñen que esperar longo tempo para recibir un calmante”, incide o sindicato.

A sobrecarga dáse en todos os departamentos. Por exemplo, na Unidade do Maior só hai unha enfermeira —antes eran tres—, polo que é preciso botar man de horas extras para cubrir o servizo. Nalgúns casos, para que o traballo saia adiante encárgase unha auxiliar de enfermaría —malia que non o pode facer—, colectivo que tamén foi reducido á metade.
CCOO esixe solucións a este “desastre organizativo”, xa que a poboación atendida no Polusa “non pode pagar os pratos rotos das decisións empresariais”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Xul 05, 2021 - 06:58 PM

    E qué esperaban dende que os Buitres da Salud poñen as suas garras na sanidade pública ou privada.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com