CCOO denuncia a modificación da RPT do Concello de Lugo

A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Concello de Lugo denuncia a modificación da relación de postos de traballo (RPT) por parte do Goberno local mediante a publicación dunha “corrección de erros” no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Dado que os cambios afectan ao contido de diferentes postos —xefaturas de negociado e xefes de grupo—, é un “requisito legal imprescindible” levar a proposta á mesa xeral de negociación.

Desde CCOO lembran que a RPT está vixente desde hai un ano —acordo do Goberno local do 15 de xullo de 2020 e posteriormente do 13 de xaneiro de 2021— e que non se pode “despachar como unha simple corrección de erros” no BOP.

O sindicato entende que a modificación vén dada polo “concurso de provisión definitiva dos postos de traballo que están ocupados de forma irregular”, de aí que se publiquen os cambios cando a RPT xa leva un ano en vigor.

“Se o Concello detectou estes erros mediante os recursos que recibiu, debería modificar todos os postos que están na mesma situación, ademais de crear cincuenta postos de segunda actividade de bombeiros”, apunta a sección sindical de CCOO.

Á luz dos feitos, CCOO coida que desde o Goberno local están a actuar “de mala fe” na xestión dos recursos humanos municipais, vulnerando os principios que rexen a negociación colectiva. Por esta razón, piden a suspensión cautelar do concurso de provisión destes postos ata que se resolva a demanda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com