Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a falta de persoal e de medios na residencia DomusVi de Monforte de Lemos (Lugo). O sindicato critica a «pasividade» da empresa á hora de afrontar a ausencia de traballadoras e traballadores, así como de produtos de limpeza e hixiene básicos, pondo en risco a saúde das persoas usuarias e do propio persoal. De feito, actualmente hai un gromo activo de escabiose (sarna).
Segundo CCOO, “desde hai máis dun ano falta persoal de enfermaría na quenda de noite. A mesma ausencia prodúcese tamén polo día en diferentes quendas, chegando a haber máis de 48 horas sen presenza efectiva. Así sucedeu, por exemplo, entre a mañá do pasado venres, 12 de agosto, ata a quenda de mañá do luns 15”.
O sindicato lembra “que estas ausencias incumpren a lexislación vixente, nomeadamente a orde autonómica que regula as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención ás persoas maiores. Segundo esta norma, os centros con menos de corenta prazas asistidas deberán contar con presenza localizada de médico e persoal de enfermaría. Nos que o número de prazas for superior, tamén
deberán contar con presenza física as 24 horas de persoal de enfermaría”.
“Tamén faltan traballadores e traballadoras en departamentos con atención directa ás persoas residentes, principalmente de xerocultura e limpeza”. Para CCOO, “a falta de persoal, amais de representar un risco para as usuarias e usuarios da residencia, significa un aumento da carga de traballo para o resto de profesionais, co que iso supón de incumprimento dos seus dereitos laborais e de maior risco de padecer doenzas ou accidentes de traballo”.
Asemade, sinalan que “hai falta de material básico como luvas, produtos de hixiene, lencerías para cama ou produtos de limpeza. Neste último caso, pode chegar a pasar unha semana sen que haxa produtos desinfectantes na lavandaría do centro”.