A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a actitude da patronal do sector privado na provincia de Lugo na negociación do novo convenio. “As negociacións atópanse bloqueadas, especialmente por mor da actitude empresarial”. Tras tres reunións, só Comisións puxo propostas riba da mesa, mentres que os outros sindicatos non formularon ningunha. A patronal, pola súa parte, teima en poñer riba da mesa “precariedade e miseria”.
CCOO-Sanidade lembra que xa non asinara o actual convenio por consideralo “lesivo para o persoal”. O texto, pactado entre a patronal e unha única organización —que naquel momento era a maioritaria no ámbito—, rematou rematou a súa vixencia en decembro de 2016 e está, desde aquela, en ultraactividade. Concretamente, a parte empresarial propón unha conxelación dos salarios dos ano 2017 e 2018 para todo o persoal. Para o ano 2019, propón unha suba parcial, pero restrinxida só ás categorías cuxos salarios se deben equiparar ao salario mínimo interprofesional (SMI). Deste xeito, haberá categorías sen ningún incremento retributivo desde o ano 2016.
Para CCOO, isto leva o persoal a “perpetuar salarios de miseria” e a verse abocado á “pobreza salarial”, con prexuízos no futuro, xa que as baixas bases de cotización xerarán tamén pensións por xubilación “ridículas”. Neste aspecto, CCOO resalta a ausencia de correspondencia entre salario, funcións e nivel de responsabilidade para un persoal “que presta un servizo sanitario cualificado”.
No tocante ás categorías profesionais, a patronal “tampouco amosa grande interese” en actualizar a clasificación actual. O convenio recolle 48 postos, que a patronal pretende reducir a 43. Pola contra, a proposta de CCOO, “moito máis ambiciosa”, elévase a 94, pois “facemos constar todas as titulacións actualizadas”.
CCOO-Sanidade entende que os convenios “deben reflectir a realidade do sector”, pero na proposta patronal quedan excluídos moitos postos de traballo que si existen nos centros, tales como dirección médica, administrador/a de empresa ou xefatura de enfermaría, entre outros.