CCOO e UXT convocan folga en Correos os días 5, 7 e 12 de xaneiro

CCOO e UXT denuncian que, “da noite para a mañá”, en decenas de carterías (unidades de repartición) de Correos, a empresa, “con nocturnidade e aleivosía” cambiou a organización do servizo, retirando o mobiliario e provocando que os carteiros clasifiquen os envíos no chan. O novo modelo imposto conleva”menos persoal, máis distancias, cambios de zonas de repartición permanentemente” e, por tanto, menos fiabilidade e calidade no servizo ao cidadán, “cun claro prexuízo para estes”.

Por iso, CCOO e UXT anuncian convocatorias de folga para os días 5, 7 e 12 de xaneiro, “tratando de frear a intención da dirección de Correos de converter os carteiros en rider”.

O novo modelo conleva, segundo explican, unha diminución de espazos e persoas das Unidades de Repartición destinadas ao Servizo Postal Público para deixar paso (como xa se fai en Oficinas e Centros de Tratamento) á paquetería comercial e rendible da filial Correos Express, que pretenden que sexa atendida con traballadores subcontratados e precarizados, como xa se fixo en plena pandemia.

A desaparición das seccións de repartición e os distritos como modelo de distribución é todo un alarde de afastamento da función social e pública de Correos, eixo dunha boa prestación á sociedade e do seu recoñecemento por parte dos cidadáns/ as, e un indicio claro de que camiñamos cara a un modelo cada vez máis “ao rider” na distribución, no que prima levar cousas, sexa o que sexa, en detrimento do servizo público postal e no que impere a precariedade, a flexibilidade e a perda de dereitos laborais.

Os carteiros agora cubrirán maiores distancias ao ter que asumir varias seccións do chamado sector, “ademais farano cun recorte de persoal (en dous anos recortáronse 7.000 empregos a pesar das convocatorias para a consolidación de emprego), por tanto, con moita máis carga de traballo, ademais de moita máis polivalencia, mobilidade funcional e responsabilidade”.

O “desmantelamento” do servizo de repartición “forma parte do Plan de Desmantelamento xeral de Correos que está a aplicar o presidente da compañía, Juan Manuel Serrano”, plan que foi rexeitado polo 75% da representación sindical de Correos o pasado 16 de decembro, cando a empresa puxo á sinatura, o que fai que careza de lexitimidade democrática para ser aplicado na maior empresa pública do país.

CCOO e UXT indican que este só é o principio dunha agresión que a empresa quere culminar o próximo 15 de xaneiro co cambio total do servizo de repartición e distribución de Correos, o que non pode quedar sen unha resposta movilizadora integral a nivel estatal. Por iso, ambas as organizacións iniciamos os trámites legais para a convocatoria de folga xeral para os días 5, 7 e paros parciais o 12 de xaneiro, cuxo obxectivo non é outro que o de paralizar ou reverter o desmantelamento que está a levar a cabo a dirección de Correos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com