A Federación de Industria de CCOO de Galicia gáñalle a batalla a Novafrigsa contra os falsos autónomos. O Xulgado do Social n.o 3 de Lugo declara a existencia de relación laboral entre os máis de 250 «socios traballadores» que a empresa Servicarne mantiña traballando nesta filial do Grupo Coren. A decisión do Xulgado lugués susténtase nas argumentacións doutro xuízo gañado por este sindicato na provincia de León contra Embutidos Rodríguez.
Para CCOO-Industria, esta sentenza ten que servir para que «as poucas empresas que aínda operan con falsas cooperativas de traballo asociado» para realizar a produción de carne «abandonen este modelo fraudulento, que ademais precariza as condicións de traballo e supón unha competencia desleal dentro do sector cárnico».
CCOO é o único sindicato que se presentou ata o momento, como parte interesada, en todos os xuízos contra as falsas cooperativa e a figura dos falsos autónomos no sector cárnico. É un labor que comezou hai máis de dous anos, cunha intensa campaña de denuncia en todo o Estado.
Coa presión de CCOO, o Ministerio de Traballo retiroulle o ano pasado a condición de cooperativa á catalá Servicarne, que contaba con milleiros de falsos autónomos en todo o Estado, dos cales uns 1500 en Galicia, boa parte deles no Grupo Coren e as súas filiais.
Precisamente, a sentenza do Xulgado do Social n.o 3 de Lugo constata irregularidade tras irregularidade nas condicións en que os supostos «socios traballadores» de Servicarne prestaban os seus servizos para Novafrigsa.
Segundo a resolución xudicial, non se cumprían os requisitos para considerar estes traballadores verdadeiros autónomos, xa que tiñan prohibido traballar para outras empresas que non fose esta filial de Coren. Así mesmo, a falsa cooperativa dificultaba a participación dos seus «socios traballadores» nos órganos de decisión de diferentes formas, como a convocatoria das asembleas nun día laboral —venres— e a non concesión de permisos retribuídos para asistir. Deste xeito, entre os anos 2013 a 2016 só participaron nas asembleas o 2,23 % dos socios e socias de Servicarne.