Comisións Obreiras (CCOO) insta ao Concello de Lugo a solucionar os problemas de liquidez do centro de día público Novo Antonio Gandoy. Tras ter coñecemento de que o persoal non cobrara a nómina de febreiro, o sindicato realizou xestións tanto coa empresa como coa Administración para coñecer a orixe do problema. Segundo confirmou a actual adxudicataria, Innovación y Desarrollo Asistencial S.L. (IDEA), o Concello débelle unha importante cantidade, equivalente a varias mensualidades de prestación do servizo.
Mediado xa o mes de marzo, a empresa continúa sen ingresarlles aos traballadores a última nómina. Ao tempo, a Administración local tampouco liberou os pagamentos que adebeda, polo que CCOO teme que a situación poida empeorar. “Aí xa non só falaríamos do persoal, senón tamén da atención ás persoas usuarias, que é unha prioridade para todas e todos”, inciden desde o sindicato.
CCOO insta ao Concello a “axilizar os trámites” para liberar o diñeiro que debe ingresar á empresa pola prestación dos servizos a que se comprometeu no concurso público, e a “tomar as medidas necesarias” para impedir que a situación se repita. Do contrario, o sindicato non descarta acudir á Inspección de Traballo ou tomar outro tipo de medidas.