CCOO pídelle explicacións ao Goberno local polo despedimento do persoal dos centros cívicos

A Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Lugo (CCOO) esíxelle explicacións ao Concello polo despedimento do persoal dos centros cívicos rurais, pechados a instancias da Administración local. Desde o sindicato lémbranlle ao equipo de Goberno que se comprometera a manter todos os postos de traballo relacionados cos servizos municipais, “promesa que queda en papel mollado á luz dos feitos”.

Ao comezo da pandemia, en marzo, o Concello de Lugo comprometérase a seguirlles pagando ás empresas concesionarias para manter o emprego. Desde CCOO cualifican de “escusas sen sentido” os argumentos esgrimidos polo consistorio, na liña de que a concesión rematou no verán, porque “os contratos do persoal dos centros cívicos seguiron en pé ata agora, en novembro, que é cando os despiden”.

A Unión Comarcal de CCOO coida que as persoas traballadoras dos centros cívicos están nunha situación de “grave indefensión” e que “está na man do Concello darlles unha solución, porque a iso se comprometeu publicamente”.

Desde CCOO lembran que o contrato dos centros cívicos se renova anualmente, polo que “o lóxico” sería prorrogar a licitación e aplicar un ERTE para o persoal ata que a situación sanitaria permita retomar a actividade, “do mesmo xeito que se está a facer noutros sectores prexudicados pola pandemia”.

Por último, Comisións afirma que adoptará “cantas medidas sexan necesarias” para que o Concello de Lugo “cumpra coa súa palabra” e non se perdan postos de traballo “nun momento tan complicado”, e reitera que, no caso dos centros cívicos, o peche é só temporal.

“Non son despedimentos, é unha finalización de contrato”

Desta denuncia facíase eco tamén o PP esta mañá. Unha situación á que o propio equipo de Goberno contestaba explicando que non eran despedimentos senon que se trataba dunha finalización de contrato. E é que, segundo explican, debido ás medidas impostas pola evolución da pandemia, a área de Benestar Social, responsable directa destes centros, deicidiu pechalo temporalmente para evitar a propagación do virus. Por esta razón, din, a finais do verán o Concello non instou á prorroga deste contrato.

Resaltan dende o equipo de goberno que non se trata dun despedimento, senón que non se prorroga o contrato que regulaba este servizo. Dende Benestar informan, ademáis, que en canto levantes as restricións autonómicas os centros cívicos das parroquias volverán a abrir, e o contrato se levará a cabo cunhas condicións que permitan adaptarse a este novo contexto sociosanitario.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com