O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) coida «un despropósito» o acontecido nos últimos días no concello lugués de Sarria. O consistorio sarriao chegou a suspender tanto os pagamentos como o cobro de taxas por non dispor dun tesoureiro municipal que conte coa condición de habilitado estatal. CCOO critica tanto a cuestión, e mesmo pon en dúbida que Sarria e moitos outros concellos precisen desta figura.
A pasada semana, o pleno municipal de Sarria aprobou a cobertura da praza de tesoureiro, sempre que sexa habilitado estatal, dotada con case 70.000 euros, para intentar desbloquear a situación na que se encontran. Esto dá cumprimento a unha norma vixente desde o 2015, pero que a «inmensa maioría» de consistorios non cumpre.
Segundo CCOO, menos do 13 % dos concellos galegos conta con esta figura, «sen que a súa ausencia supuxera impedimento ningún para o día a día». Este sindicato vai alén de constatar esta realidade e afirma que é «imposible» que no presente ano se poidan cubrir todas as prazas necesarias, xa que, mesmo que existise vontade política, «non hai abondos habilitados estatais para este efecto».
Comisións critica particularmente a actitude amosada polo secretario municipal, principal valedor do cumprimento estrito da normativa. O sindicato repróchalle o seu «exceso de celo», mesmo sabendo o prexuízo que ocasionarían os seus actos administrativos, malia que «non amose a mesma dilixencia e preocupación» diante doutras situacións, como «moitos contratos en situación irregular ou en fraude de lei nos últimos dez anos».
Para este sindicato, os secretarios ou secretarias dos Concellos «están para resolver problemas, non para crealos», e recalcan que estase a provocar un prexuízo a terceiros «que non teñen culpa ningunha e se ven reféns dunha situación».
Debido á repercusión que tivo en toda Galicia a situación de Sarria, Comisións Obreiras solicitou unha reunión urxente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para tratar esta cuestión e evitar que se reproduza noutras localidades.