A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, anunciaron esta mañá un acordo de colaboración segundo o que o Concello lle cederá ao Club 1,5 hectáreas de terreo de titularidade municipal en San Fiz –en fronte ao CETAL- para que a entidade deportiva constrúa nel dous novos campos de fútbol e as súas instalacións auxiliares, unha vila deportiva, na que centralizará os máis de 300 xogadores da súas categorías de base.
Méndez subliñou que este acordo “é froito da estreita e fluída relación” que mantén o Goberno local co Lugo porque “así entendemos e practicamos o apoio ao deporte, a través dunha relación simbiótica co amplo e dinámico tecido de entidades deportivas co que temos a sorte de contar na cidade”.
Os terreos que o Concello poñerá a disposición do Club teñen a cualificación urbanística de equipamento deportivo e tras concluír a cesión –aínda por determinar, pero cun tope máximo de 50 anos- as instalacións reverterán de novo na entidade local. O acordo está a día de hoxe encarrilado administrativamente para nas vindeiras semanas poder asinar un convenio de colaboración. A Alcaldesa destacou que terá “un retorno social e económico de primeira orde para Lugo”, en tanto que “contaremos cunhas novas instalacións deportivas de alto nivel na cidade, que permitirán ademais gañar comodidade aos máis de 300 xogadores das categorías de base do Lugo, pero tamén ao resto de entidades deportivas (Sagrado Corazón, Piringalla, Comercial…) porque nos permitirá liberar horas de adestramento e espazo nos campos municipais de fútbol das Gándaras que hoxe está a utilizar o Club e que certamente se están a quedar pequenos porque, por sorte, contamos con moita afección ao deporte”.
Así mesmo, “avanzamos no noso modelo de cidade, recuperando espazos públicos para uso público” e “dinamizamos o barrio de San Fiz, pois a afluencia de xente que levarán consigo a actividade deportiva dos campos de fútbol contribuirá a seguir dando vida a esta zona”, asegurou Lara Méndez.
O CD Lugo “é un dos estandartes da nosa cidade no resto do país e está altamente comprometido con forxar canteira cos rapaces lucenses”, engadiu a Alcaldesa, que agradeceu á entidade e singularmente ao seu presidente “que siga investindo no futuro” do municipio.
Pola súa banda, o presidente da entidade albivermella agradeceu o apoio das autoridades para levar a cabo este acordo: “Grazas ao Concello de Lugo por tódolos esforzos que se están facendo para que poidamos levar a cabo ese gran soño que tíñamos cando chegamos de acometer unhas instalacións dignas para a nosa base, para o noso futuro. Temos que ir paso a paso, crecer na medida das posibilidades que temos estruturalmente e socialmente.”
Cidadáns pide un concurso público para esta cesión
Mentres tanto, o grupo municipal de Cidadáns pediu hoxe que este acordo “debe beneficiar tamén ao resto de clubs deportivos da cidade e ao conxunto do fútbol base lucense”. Para Cidadáns, “todos os clubs deportivos da cidade son iguais e non debe haber privilexios; e todos os cativos que practican deporte deben facelo en instalacións axeitadas”.
A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, considera “positivo que unha Sociedade Anónima Deportiva como é o CD Lugo se implique na construción de novas instalacións deportivas na cidade” pero aclarou que “legalmente o Concello de Lugo non pode facer unha cesión de terreos públicos mediante adxudicación directa, sexa ao CD Lugo ou a calquera outra entidade ou empresa, e debe, polo tanto, poñerse en marcha a nivel municipal un procedemento de licitación mediante concurso público aberto no que, ademais do CD Lugo, poida participar calquera outra entidade que o desexe”.