A Deputación de Lugo conmemorou esta mañá o Día Mundial do Turismo no Xeoparque Montañas do Courel, cunha actividade dirixida aos escolares do CEIP San Clodio, de Ribas de Sil.
A iniciativa presentouse como unha mostra do importante que é promover as posibilidades educativas do patrimonio e impulsar que os rapaces e rapazas coñezan en profundidade o espazo natural no que viven.
Os rapaces recibiron, como agasallo da Deputación, unha mochila institucional con material, e o caderno Coloreando a provincia de Lugo, editado pola institución provincial, co obxectivo de que coñezan dun xeito máis dinámico as potencialidades turísticas do territorio lucense. Trátase dunha obra de Paula Mayor que permite facer un percorrido polos diferentes activos patrimoniais, culturais e turísticos a través de preto de 60 ilustracións.
Durante a actividade, os pequenos camiñantes recibiron explicacións e indicacións do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que lles explicou curiosidades sobre a minería romana, a vexetación, a arquitectura tradicional e sobre todo descubriulles os feitos que levaron ao Xeoparque -que integran os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel- a lograr a distinción que lle outorgou a Unesco.