A Xunta de Voceiros do Concello quedou constituída este xoves nunha sesión na que os portavoces dos seis grupos con representación municipal, baixo a presidencia da Alcaldesa, Lara Méndez, acordaron medidas que reforzan o diálogo e a transparencia, “os dous instrumentos de traballo básicos aos que nos comprometemos”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.
Nesta primeira xuntanza convocada unha vez constituídos os grupos municipais, e non como pedían os grupos minoritarios do Concello, que o esixiron antes da conformación de goberno, pactouse o funcionamento dos plenos e as comisións informativas, e os mecanismos de acceso á información sobre as decisións do Goberno. Así, acordouse, a proposta da rexedora, celebrar sempre unha Xunta de Voceiros antes dos plenos, os luns.
Ademais, nas comisión informativas abordaranse as mocións que se debatan no pleno, no que cada grupo político poderá presentar dúas propostas, dous rogos e dúas preguntas.
Tamén se acordou reducir á metade os tempos de intervención dos voceiros nas sesións plenarias co fin de gañar axilidade e eficacia no máximo órgano do Concello. A primeira alocución pasará de 6 a 3 minutos; a segunda, de 3 a un minuto e medio, e a conclusión do voceiro propoñente, de un a medio minuto.
En canto a transparencia e acceso á información, os 5 grupos da oposición poderán consultar os asuntos tratados na Xunta de Goberno os xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Co fin de axilizar o labor da oposición e non entorpecer o traballo do persoal do departamento de Actas, habilitarase unha mesa do servizo para a consulta.
Pola súa banda, os decretos asinados poderán ser consultados de xeito informático, como ata o de agora. Polo que respecta ao resto de información, seguiranse as canles establecidos no Regulamento Orgánico de Funcionamento (ROF).
Ademais, os grupos terán toda a información sobre os asuntos abordados nas Mesas de Contratación –das que deixan de formar parte os políticos- ao día seguinte de celebrarse.
Pola súa banda, o voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que “agora que están as comisións constituídas, comezaremos a reivindicar servizos e melloras para os barrios da cidade”. Rubén Arroxo lembrou que “durante toda a campaña electoral visitamos os barrios e falamos coa xente para coñecer as súas necesidades, agora cumpriremos coa nosa obriga para facer que Lugo sexa unha cidade para as persoas”.
Arroxo dirixiuse directamente á liña de actuación que debe de seguir o goberno e dixo que “os problemas reais da xente non se ven nas catro paredes da casa consistorial, senón nos barrios” e engadiu que “parece que a principal preocupación do PSOE nestes días estivo en pactar co PP asentar ao seu gabinete e asignarse bos salarios”. O voceiro do BNG afirmou que “veciños e veciñas están empezando a contactar co BNG para solucionar os seus problemas por que saben que defendemos os seus problemas”.
O BNG – AA levará unha iniciativa á comisión correspondente, para que o concello de Lugo tome as medidas necesarias para previr posibles derrubamentos de edificacións cun alto grado de deterioro no barrio Feixoo. Ademais os nacionalistas pediran que se garanta a limpeza de predios que aínda permanecen sen pechar nesta zona da cidade e que son foco de sucidade e provocan malestar entre o vecindario. Rubén Arroxo e Maite Ferreiro reuníronse cun grupo de veciños e veciñas que lles trasladaron algunhas das melloras que precisa o barrio.