A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Deputada de Cultura, Pilar García, e o Presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, acompañados dunha vintena de veciños e veciñas, presentaron este martes no Salón de Plenos a XX Feira de San Isidro da Milagrosa, que acollerá a rúa Menorca e a Praza da Milagrosa este venres, sábado e domingo, 26, 27 e 28 de maio.
No acto de presentación, a rexedora avanzou o cambio de ubicación deste certame con respecto aos anos anteriores, que tiña lugar na Praza Agro do Rolo. Esta vixésima edición celebrarse na rúa Divina Pastora, Praza da Milagrosa e rúa Menorca. Así mesmo agradeceu o esforzo do colectivo organizador así como a implicación da veciñanza deste barrio tan senlleiro de Lugo, no que viven uns 20.000 veciños e veciñas, por contribuír ao éxito desta feira.
Pola súa banda Pilar Porto definiu esta feira como unha cita que reivindica o agro e a artesanía, “un auténtico revulsivo e unha oportunidade para impulsar o comercio”. O organismo provincial, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), colabora con esta cita achegando exhibicións en vivo de canteiría e de forza ao longo da feira.
Jesús Vázquez explicou os detalles desta nova edición da Feira de San Isidro, que concentrará a un cento de expositores e artesáns procedentes de Lugo, da comunidade de Galicia e Portugal. A XX Feira de San Isidro da Milagrosa engloba o Día da Provincia (27 de maio) e este ano como novidade, terá lugar a Festa do Hojaldre, onde a organización conta repartir unhas 500 unidades, que se suma ás degustacións da rosquilla e do chourizo á parrilla.
Nestas dúas rúas e na praza a cidadanía poderá adquirir produtos como queixo, viño pan ou mel, entre outros. Nesta cita, que naceu para render homenaxe ás orixes rurais dos e das residentes no barrio, ademais de venda de produtos, tamén haberá degustacións, exhibicións de baile e actuacións musicais. Os actos tamén engloban a entrega dos galardóns José Carballido aos mellores 10 stands da feira.