Noveno día do paro do transporte e Lugo colapsou. Á falta de subministros en moitos supermercados da cidade, uníuse no día de hoxe a parálise que se viviu en torno á avenida da Coruña e á Ronda da Muralla. Claxóns de transportistas, taxistas e agrogandeiros que acompañaban ao sector na súa protesta e aplausos de veciños de Lugo que apoiaban aos traballadores esenciais, encheron o ruído da capital durante unhas cantas horas.
En torno ás 10 da mañá comezaron a xuntarse camións de toda a provincia e algún do resto da comunidade no Polígono das Gándaras dende onde saía a manifestación, que arrancou en torno ás 11 e remataron no mesmo parque industrial pouco antes das 6 da tarde. Segundo estimacións iniciais da Policía Local reuníronse en Lugo en torno a 1000 camións.
A protesta foi convocada pola Plataforma en Defensa do Sector do Transporte de Mercadorías. Segundo a Subdelegación do Goberno non houbo incidentes de gravidade máis aló das retencións pola cidade.
Taxistas e agrogandeiros xuntáronse tamén nesta manifestación, xunto a numerosos veciños da cidade que acompañaron cos seus vehículos á marcha lenta.