Centos de gandeiros volven ás rúas para denunciar a situación “crítica” do lácteo

Centos de persoas percorreron esta mañá as rúas de Lugo para denunciar a situación “crítica” que está a vivir o sector un ano despois das tractoradas que rodearon a Ronda da Muralla e da sinatura do acordo lácteo en Madrid para garantir uns prezos xustos. Convocados pola asociación Agromuralla, os gandeiros denunciaron que “todo está igual ou mesmo peor” e que neste último ano botaron o peche unhas 600 explotacións en Galicia e outro cento contan con ordes de embargo.

“Asinouse un acordo lácteo a nivel nacional co que prometeron moitísimas cousas e que ía beneficiar moito aos gandeiros. Un ano despois a cousa está como estaba e incluso está peor, porque os acordos non se levaron a cabo. O prezo do leite segue caendo, arredor de dous centimos con respecto ao ano pasado, así que a situación é crítica”, subliña Odón Castro do colectivo Agromuralla.

Neste sentido, dende esta asociación denuncian que as administracións fixeron oidos xordos ás directrices do acordo e ás reclamacións do sector. Por este motivo reclaman que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central tomen en serio esta problemática para poder permitir aos gandeiros vivir do seu traballo.

“Pediríalle ás administracións que miraran algo polo agro, algo por nós, que non somos os grandes empresarios que estamos chupando do bote. Xa non por nós, senón polos nosos fillos e pola nosa xente. O que queremos é vivir decentemente”, salientaba a gandeira Matilde Páramo.

Os gandeiros non descartan realizar máis mobilizacións se non se atenden as súas demandas. A protesta rematou coa lectura dun manifesto fronte o edificio Multiusos da Xunta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com