Centos de lucenses sumáronse este mércores a En Camiño contra a Violencia machista, unha iniciativa da Fundación TIC da Deputación incluída na campaña Lugo en Negro do Concello. Entre os participantes estivo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez ou o Presidente da Deputación, Darío Campos vestidos cunha camiseta negra co logotipo da campaña. Todos eles seguiron as pegadas negras entre a Praza de San Marcos e a sede da Escola de Imaxe e Son da TIC, e tinguiron de loito as rúas da cidade de Lugo en sinal de dó polas vítimas da violencia de xénero.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu á sociedade lucense a súa implicación tanto na iniciativa Lugo en Negro como nesta andaina. “Evidentemente, se queremos acabar con esta gran lacra debemos implicarnos todos, dende a cidadanía, as asociacións, entidades e institucións; e creo que a resposta está sendo masiva e contundente por parte da sociedade”, asegurou a rexedora, ao tempo que lembrou que no que vai de ano, foron 39 as mulleres asasinadas pola única condición de ser muller.
Méndez chamou a seguir implicándose, e máis aínda por parte das institucións con competencias na materia, ao tempo que recordou a Lei de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero, aprobada no 2004, “á que é necesario dotar e aplicar para que sexa efectiva e paliar esta situación”. Así, destacou que o traballo sigue máis aló do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de chegar a 0 mulleres asasinadas. Para rematar, quixo agradecer tanto á Deputación como á TIC a posta en marcha desta iniciativa, que escenifica o percorrido contra a violencia.
Pola súa banda, o Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, valorou “o éxito da resposta dos lucenses a esta iniciativa na que camiñamos todos xuntos, e coa que simbolizamos a nosa unión como sociedade para erradicar definitivamente este grave problema. Temos que conseguir que ningunha muller máis sexa vítima da violencia de xénero”. Destacou ademais que este “é un proxecto dos nosos alumnos, xa que foron eles os que tiveron a idea e os que organizaron todas as actividades que forman parte do Camiño”.