Centos de tractores colapsan as principais rúas da cidade en prol duns prezos xustos do leite

En torno ás once da mañá centos de gandeiros do sector lácteo chegaron en tractores ás inmediacións do estadio Anxo Carro para esixir medidas concretas que atallen a maior crise do sector en moitos anos, e que repercute directamente na economía do país, de Galicia, e especialmente da provincia de Lugo, onde o peso do agro e fundamental para a supervivencia de moitas familias.

Ás doce da mañá, a manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo chegaba ao centro da cidade logo de percorrer a Avda. das Américas, continuando pola rúa poeta Ramón Cabanillas, Gravador Castro Gil, García Abad e Avda. da Coruña ata confluír coa Rolda da Muralla, onde permaneceran ata as cinco da tarde diante do edificio administrativo da Xunta. Os tractores ocuparán ate as cinco da tarde un dos carrís da Ronda da Muralla, quedando o outro libre para permitir a circulación de vehículos especiais como ambulancias ou a Policía.

Os gandeiros reclaman uha subida do prezo do litro de leite, que caeu nos últimos anos ate os 26 céntimos, sendo 36 o mínimo para poder pagar os costes de producción.

Diferentes lideres agrarios como Elías Somoza da Fruga, e Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego e Iglesias de Unións Agrarias fixeron declaracións a este medio minutos antes de comezar esta xornada reivindicativa a prol de conseguir uns prezos xustos para o leite galego.

Esta grande manifestación vense a sumar a outra que xa se fixeron ao longo do país en vilas como Vilalba, Sarria ou Lalín e que culminara cunha grande manifestación nacional a vindeira semana en Santiago de Compostela.

Integrantes da Plataforma en Defensa do Sector Leiteiro Galego, como o Sindicato Labrego Galego declararon que apoian a tractorada de hoxe en Lugo porque “ como organización integrante da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, apoia a manifestación e a tractorada que os gandeiros e gandeiras farán hoxe, 3 de setembro, en Lugo. Expresamos o noso apoio tras meses de negociacións coa Consellaría de Medio Rural e co Ministerio de Agricultura, sen que ningún destes organismos teña feito nada aínda por solucionar que as nosas granxas sigan a cobrar o leite a prezos de miseria, moi por baixo dos custes de produción”.

Engaden que as medidas que propón o ministerio, “consistente en dar 300 euros por vaca ás explotacións que menos cobran, segue a ser un parche paliativo que non toca a raíz do problema: a posición de dominio e abuso das industrias e das distribuidoras na cadea de valor para impoñer os prezos que queiran en orixe.”

Pola súa banda Fruga ( Federación Rural galega) demanda “a implicación real do goberno da Xunta de Galicia, co seu presidente a fronte, na defensa deste sector primario estratéxico para a Galiza. É hora de deixarse de boas intencións e de bonitas verbas, e de comezar a recuperar os órganos de interlocución entre os diferentes actores do sector, e de tomar decisións de goberno que defendan o sector e lle dean un proxecto de futuro. De non ser así, pediremos no marco da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego que se incremente a contundencia das mobilizacións programadas ata acadar un cambio de postura das administracións e dos outros axentes do sector implicados”.

Nestes intres a manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Leiteiro Galego, segue a producirse pola cidade de Lugo, tal e como estaba prevista cunha tractorada que colapsa as principais rúas da cidade.

Ao remate da manifestación lerase un manifesto de doce puntos que ademais dos sindicatos, foi apoiado por diversos partidos políticos, asociacións veciñais e algúns concellos da provincia.

Podes ver o video completo clicando aquí.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com